A patronal galega augura un 2023 e 2024 "complicados" cunha desaceleración económica

Cre que os soldos "hai que incrementalos pero con moderación" e pide para as peaxes "nin máis nin menos" que o feito noutras comunidades autónomas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O presidente da patronal galega, Juan Vieites, augura uns anos 2023 e 2024 "complicados" no económico, cunha desaceleración que a Galicia "sempre chega un pouquiño máis tarde", cun "décalage" duns cinco ou seis meses. "Cando outros están arrefriados, nós estamos a empezar a constiparnos", constata.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites (esquerda) xunto ao presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, en xullo de 2022, no Grove
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites (esquerda) xunto ao presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, en xullo de 2022, no Grove | Fonte: Gustavo de la Paz - Europa Press.

No actual escenario de aumento de prezos e caída do consumo, Juan Vieites considera que os soldos "hai que incrementalos pero con moderación", e pide para as peaxes das autoestradas de Galicia "nin máis nin menos" que o que decide o Goberno central para outras comunidades autónomas, como Cataluña.

Así se pronunciou nunha rolda de prensa de balance do actual exercicio, ás portas da época do Nadal, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

Cuestionado pola caída da facturación que prevé o Banco de España para comezos do próximo ano, o representante dos empresarios galegos sinalou que tamén en Galicia esperan unha "caída importante", á luz da baixada "moderada" do terceiro trimestre e á espera dos datos correspondentes ao cuarto trimestre.

Por iso, reclamou "axilizar" os trámites dos fondos 'Next Generation' e tamén dar "algún retoque desde o punto de vista de reforma estrutural", para "endereitar algo" a situación.

En calquera caso, 2023 e 2024 "van ser anos complicados" e o que queren os empresarios é "pedalear cara a adiante e seguir producindo riqueza, investimentos e emprego, a condición de que o mercado demande". "Se non, non se pode facer", advertiu.

PEAXES

No contexto de alza dos custos, reivindicou que os empresarios galegos o que queren é "competir" e un trato "igual que o resto" de comunidades.

Os aumentos "desorbitados" das peaxes das autoestradas van en contra da competitividade, segundo incidiu, por iso rexéitaos e apunta a "datos" sobre o que "realmente" se fai "noutras zonas".

"Parece que se quere con Galicia facer unha situación desigual con outros territorios de España e non estamos dispostos a iso", chamou a atención.

A fórmula "concreta" que expón a CEG "é a que se aplicou noutras comunidades, nin máis nin menos", entre as que mencionou a Cataluña. "Non temos por que ser diferentes se estamos no Reino de España" e Galicia "reclama as mesmas condicións", abundou.

Desta forma, precisou que a ampliación da concesión é "algo que ninguén pon sobre a mesa". "Temos que buscar as mesmas condicións que noutras comunidades e elimináronse nalgún caso as peaxes. Non sei por que en Galicia hai que facer unha fórmula diferente, busquemos a mesma, non estamos a pedir cousas diferentes", insistiu.

"NUNCA DIXEMOS CONTENCIÓN"

No relativo a salarios, aclarou que "nunca" propuxo "contención salarial", xa que entende que "hai que incrementalos pero con moderación", tendo en conta que a inflación "está a influír de maneira moi importante" ás familias.

No entanto, engadiu que "a produtividade baixou de maneira significativa" e isto hai que sumalo ao "absentismo laboral". Por todo iso, apostou por acordar "entre todos e dentro do diálogo social" a cuestión dos soldos.

Ao estar a inflación "moi por enriba do que debería estar" e posto que "hai unha inflación subxacente", considera que se debe "xogar con eses termos" e con "convenios colectivos de tres, catro anos, para dar unha estabilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta