Como quedan as conselleiras Ángeles Vázquez e María Jesús Lorenzana tras os cambios na Xunta de Rueda?

Os xa ex vicepresidentes da Xunta perden peso e competencias dentro do goberno de Rueda. Diego Calvo queda sen o control das xefaturas provinciais e Ángeles Vázquez queda sen vivenda e territorio e non controlará a planificación económica dos parques eólicos. O Sergas figura como organismo autónomo adscrito a Sanidade.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2024 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

Os cambios de Alfonso Rueda comezan a xerar confusión, cando non incerteza, entre a familia do Partido Popular. O deseño do seu novo executivo, que só coñecían contadas persoas o seu entorno político, dá comezo a unha nova forma de gobernar tanto na Xunta como no Partido Popular. Acostumados a un Feijóo máis preocupado del que da Xunta ou do partido, os cargos populares ven que Rueda vai máis alá e tamén mira polo partido e polo que pasa en cada unha das consellerías.

María Jesús Lorenzana e Ángeles Vázquez
María Jesús Lorenzana e Ángeles Vázquez | Fonte: Xunta

De aí a decisión de nomear conselleiros non só afíns a el, senón algúns tamén amigos, e de tentar equilibrar aínda máis as consellerías que considera "máis políticas". E neste xogo de equilibrios entre os afíns e non afíns, semella que perden Diego Calvo e Ángeles Vázquez e gañan novos conselleiros como María Martínez Allegue, de Vivenda e Infraestruturas, e José López, de Cultura, ou vellos como a de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. 

Así, Diego Calvo perdeu o control das xefaturas territoriais da Xunta, aínda que Rueda tentou compensalo coa Dirección Xeral de Mobilidade que integrará as competencias en materia de transporte escolar e adaptado. Tamén , Ángeles Vázquez perdeu as competencias en Territorio e Vivenda, aínda que recibe algunhas en enerxía, que semellan un regalo envelenado.

CONVIVENCIA ÁNGELES VÁZQUEZ E "CHUS" LORENZANA

E é que neste cambio tampouco sae ben parada a nova conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático xa que terá que traballar en coordinación con outros departamentos, especialmente con Economía e Industria, de María Jesús Lorenzana, que exercerá as competencias de planificación do aproveitamento eólico previstas na lei.

Segundo o novo organigrama da Xunta, Medio Ambiente asumirá as competencias e funcións de tramitación e outorgamento das autorizacións das instalacións de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica e enerxía hidroeléctrica que sexan de responsabilidade autonómica, así como das súas instalacións de conexión. Deste xeito, asumirá as competencias de autorización administrativa das instalacións dos parques eólicos e das súas instalacións de conexión, así como a declaración da súa utilidade pública, pero precisará do visto e prace da Consellería de Economía e Industria xa que aumirá as funcións de seguimento do cumprimento das declaracións de impacto ambiental e dos informes de impacto ambiental correspondentes ás instalacións previstas.

É dicir, Medio Ambiente centralizará as tramitacións e autorizacións --asumindo a función de impulso e coordinación da emisión dos informes sectoriais--, mentres que Economía terá as demais competencias en materia de enerxía, incluídas a referidas a planificación estratéxica.

Segundo fontes consultadas por GC, nos últimos meses María Jesús "Chus" Lorenzana, foi gañando enteiros no entorno de Rueda a medida que tamén aumentaban os seus choques con outros conselleiros, especialmente, conselleiras. Estas fontes lembran que "non había nada de feelling" entre Lorenzana e a xa ex conselleira Ethel Vázquez, e tampouco era boa a relación con Ángeles Vázquez ou Fabiola García.

Con todo, outros dirixentes populares cren que a decisión de rematar coas vicepresidencias está ben tomada e é lóxica xa que Rueda quere facer un partido a súa medida. Un partido no que, din, non colle Diego Calvo, pero no que si hai sitio para Ángelas Vázquez, que podería asumir máis peso no futuro.

COMPETENCIAS DE EDUCACIÓN

Semella que Lorenzana tampouco verá a súa anterior conselleria de Economía, Industria e Innovación" moi mermada porque a principal área que perderá é a da Axencia Galega de Innovación (Gaim) con cuxa xa ex directora xeral, Patricia Argerey, as relacións estaban rotas. De feito, esta plantexouse dimitir antes das eleccións, unha operación que foi freada polo propio presidente galego.

Así, e aínda que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional terá adscrita á Gaim, o departamento de Lorenzana seguirá xogando un papel significativo en materia de promoción industrial, desenvolvemento tecnolóxico e innovación dos sectores produtivos. A esta consellería seguirán adscritos centros e infraestruturas tecnolóxicas e produtivas da Administración autonómica que se determine. En particular, asumirá a xestión do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e ou Deseño.

CHAN INDUSTRIAL

Economía tamén será a encargada de asumir os labores de promoción do parque industrial de Rozas (Lugo) e a xestión de todos os programas derivados da Civil UAVs Initiative. Ademais a sumirá as competencias en materia de chan empresarial e, de acordo con iso, asumirá a tutela funcional da sociedade pública Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.

SERGAS

Outro dos beneficiados cos novos cambios será o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xa que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) integrarase "por completo" na súa conselleria. Así, quedará estruturada cunha Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Saúde Pública, e a de Planificación e Reforma Sanitaria. Adscritos á Consellería estarán o organismo autonómo Sergas, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta