Por Galicia Confidencial | Allariz | 21/12/2022 | Actualizada ás 11:43
Allariz suma outra iniciativa para dar a coñecer a vila e promover o turismo. Nesta ocasión trátase dun cuño postal que levará impresos 4 elementos emblemáticos: O guerreiro da Cibdá de Armea achado no castro romano homónimo, o debuxo do Castelo de Allariz feito por Vicente Risco, o boi como símbolo da Festa do Boi, e o anagrama do Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
A iniciativa correu a cargo da Fundación Vicente Risco e foi apoiada pola Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño, a Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) e o Concello de Allariz.
A presentación oficial realizouse o 20 de decembro de 2022 ás 12:30h na sucursal de Correos en Allariz situada na Travesía Alfredo Nan nº 8. Contou coa presenza da Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid Fernández, o Vicepresidente e o Secretario da Fundación Vicente Risco, Antonio Blanco Rodríguez e Xosé Rodríguez Díaz; María Elisa Abad Suárez e Marta Verde Rodríguez, en representación da Sociedade Filatélica Miño e de FEGASOFI e Evaristo Borrajo Iglesias, director da oficina de Correos en Allariz.
Cristina Cid salientaba a relevancia desta iniciativa "que fará que o nome de Allariz continúe a viaxar polo mundo".
POSTAL DE ALLARIZ
Como novidade Correos tamén realizou unha tarxeta postal personalizada de Allariz. A autora da imaxe que mostra unha paisaxe coa Ponte de Vilanova ao fondo é Carmen Blanco Sueiro.
Esta tarxeta xa está dispoñible pódese adquirir na páxina de Correos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.