Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2022 | Actualizada ás 11:58
O deputado do BNG Néstor Rego reclama "que se axilice a anunciada ampliación" das bonificacións aos usuarios de viaxes recorrentes en proximidades e media distancia de Renfe para 2023.
Antes do último consello de ministros, o Bloque demanda "a mellora dos servizos ferroviarios" para o próximo ano a través da fixación de horarios "máis adoptados" ao horario laboral e escolar, así como o aumento de frecuencias, mellores controis e solucionar a falta de revisores que "dificulta" o uso dos abonos.
A organización nacionalista pide tamén unha "aposta decidida" para a promoción do transporte colectivo, "máis eficiente e sustentable", fronte á situación de crise xerada pola subida de prezos.
Nunha nota de prensa, o BNG avisa de que as canles establecidas --máquinas, despachos de billetes ou vía web-- "poderán sufrir un colapso durante os primeiros días provocando que moitas persoas comecen 2023 sen o seu abono".
"Estes días, con tanta poboación desprazada por vacacións polas festas de Nadal, a plataforma para a adquisición do bono máis utilizada será a páxina web, pero a expectativa non é boa", advirte. Por iso Rego propón "aumentar o persoal das estacións de ferrocarril destinado nos despachos de billetes", para garantir que todos os usuarios que queiran adquirir o abono nos próximos días poidan facelo "antes da entrada do ano".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.