Novas dimisións en sanidade poñen contra as cordas ao conselleiro

Isidro Lago dimite como presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos baixo as acusacións de "desleal". Mentres, Julio García Comesña presume da reducción dos tempos de espera nas operacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2022 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

O presidente do Colexio oficial de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago, presentou a súa dimisión como presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos. Esta é a segunda dimisión dun alto cargo do Sergas tras anunciar este martes a súa marcha o xefe de Pneumoloxía do CHOU.

O consellerio de Sanidade, Julio García Comesaña, doa sangue. XUNTA
O consellerio de Sanidade, Julio García Comesaña, doa sangue. XUNTA

A decisión enmárcase nas desavinzas que a entidade mantén coa Consellería de Sanidade despois de que o pasado 21 de decembro o Pleno da Xunta Directiva do Colexio oficial de Médicos de Pontevedra ratificase por unanimidade a súa decisión de manter rotas todo tipo de relacións con esta Consellería.

Este mércores, nunha rolda de prensa, Isidro Lago anunciou publicamente unha decisión que onte martes xa comunicara a cada presidente dos respectivos colexios das outras provincias tras a reunión que mantiveron co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Segundo comentou Lago, "os presidentes do Consello solicitáronme de forma insistente que continúe no cargo", no que de momento ten que seguir en funcións, tal e como establecen os estatutos, en espera de facelo efectivo na próxima reunión deste órgano.

Este mércores explicou que é "unha incongruencia" estar á fronte do Consello dada a postura que defende a entidade en Pontevedra. De modo que "tras meditalo moito, co apoio da Xunta Directiva de Pontevedra" presenta a súa disimión para que esta situación "non prexudique" a ningunha das dúas entidades.

RUPTURA

Isidro Lago lembrou que o pasado 23 de novembro a entidade colexial pontevedresa acordaba unanimemente romper todo tipo de relación coa consellería de Sanidade apuntando que "estabamos dispostos a retomar os mecanismos de comunicación ao noso alcance en aras ao ben común". "Puñamos a esperanza", indicou Lago, na reunión que celebraron o 29 de novembro entre o Pleno do Consello Galego de Colexios de Médicos e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda que estivo acompañado polo conselleiro e a directora xeral do Sergas.

"O señor conselleiro logrou facer dunha produtiva e cordial reunión co presidente da Xunta, un fracaso persoal", asegurou Isidro Lago. "O fracaso que supuxo a actitude do conselleiro foi tanto pola pobreza das súas achegas á mesma, como polas súas declaracións inmediatamente posteriores" que a xuízo do presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra "non parecen ser produto da espontaneidade, máis ben dunha elucubración previamente estudada".

Esas declaracións, nas que Comesaña dixo que os colexios querían pechar puntos de atención continuada (PAC), xa foron desmentidas tanto polo Consello Galego pola súa "falsidade" como polo propio presidente da Xunta, o que "roza xa unha auténtica deslealdade, pois quedou meridianamente claro na citada reunión, as cuestións que pola súa complexidade non se tratarían posteriormente en rolda de prensa".

"Existen dúas realidades, as que ve o conselleiro e o seu equipo, e a realidade que percibimos os médicos e pacientes", apuntan para xustificar a decisión de manter rotas todo tipo de relacións coa Conselleria de Sanidade aínda que as mantén coas áreas sanitarias da provincia de Pontevedra e os seus xestores, que "aínda sendo cargos inferiores, son profesionais cualificados".

RETOS DE FUTURO DO CONSELLEIRO

Pola súa banda, a redución das listas de espera nas intervencións cirúrxicas, consultas e citas diagnósticas aos tempos previos á pandemia é o gran obxectivo marcado para 2023 nos acordos de xestión do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Así o indicou este mércores o conselleiro durante en acto de firma dos convenios co sete áreas sanitarias galegas, celebrado na propia Consellería en Santiago. Comesaña explicou na súa intervención que a actividade cirúrxica "segue resentida en España", pero "Galicia atópase na boa dirección".

Deste xeito, puntualizou que Galicia conta co cuarto mellor tempo de espera cirúrxico, con 75 días, de acordo cos últimos datos do Ministerio de Sanidade. Mentres, nunha primeira consulta, Galicia está en quinta posición, ao presentar 55 días de espera media, 24 menos que a media española.

O conselleiro de Sanidade recalcou que estes "son mellorables" e que o obxectivo é "recuperar as cifras de 2019, que foron as de mellor rexistro histórico". Así, lembrou que o tempo medio de espera global ese ano era de 42 días no caso das probas e consultas, e de 54 días, nas intervencións cirúrxicas.

RESPOSTA DE SANIDADE Pola súa banda, a Consellería de Sanidade "aposta polo diálogo construtivo" con todos os colexios profesionais, sociedades científicas e de pacientes e sindicatos e remarca que as últimas reunións co Consello de Colexios Médicos foron "cordiais" e que "en ningún momento manifestouse desavinza algunha".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk // 27-12-2018 // Daquela dimitiran 21 Xefes de Servizo da Área de Vigo e costoulle a cabeza ao Conselleiro Almuíña (agora no Porto de Vigo) a ver se esta nova demesión bota fóra ao Conselleiro Comesaña ? Pero por máis que mudemos de Conselleiro se non mudamos de política sanitaria non haberá nada que facer... Para empezar a CITA PREVIA é unha perversión inconstitucional (só tiña sentido nos decretos do estado de alarma da pandemmia) pero agora tódalas Administracións manteñen a Perversión da Cita Previa