Ecoloxistas en Acción pide que se dea marcha atrás co proxecto eólico Castro Valente pola "sensibilidade ambiental"

Explican que este proxecto tería unha afectación en réptiles e anfibios “catalogados como “Vulnerables” polo Catálogo galego de especies ameazadas”

Por Galicia Confidencial | | 29/12/2022 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O proxecto eólico Castro Valente ten por obxecto a execución dun parque eólico de 18 MW de potencia total nos concellos de Padrón na provincia da Coruña e Valga, Pontecesures e a Estrada, na provincia de Pontevedra, composto por 3 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada (vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe, gabias do cableado, estación meteorolóxica e unha subestación). Para os aeroxeradores prevese unha altura de 179,5 metros. Porén, Ecoloxistas en Acción pídenlle ao conselleiro Francisco Conde que dea marcha atrás na súa tramitación, xa que indican que se localiza “sobre áreas non recomendadas para a instalación da enerxía eólica, pola súa máxima sensibilidade ambiental”.

Eólicos de Paradela
Eólicos de Paradela | Fonte: Arquivo

Desde a asociación sinalan que a promotora podería reubicar estes tres aeroxeneradores noutros parques eólicos que ten en tramitación ou xa funcionando pero que, porén, “presenta este proxecto que se localiza non só afectando a un xacemento arqueolóxico de envergadura como é o Castro Valente, senón que por enriba afecta a unha Zona protexida de Auga Potable e enriba dunha Masa de Auga soterrada que conflúe e conecta ecoloxicamente coa Rede Natura 2000 e dentro dunha poligonal localizada nunhas zonas de máxima sensibilidade ambiental”.

Explican que este proxecto tería unha afectación en réptiles e anfibios “catalogados como “Vulnerables” polo Catálogo galego de especies ameazadas”, pero que na tramitación ambiental non se fixo un estudio “serio” da herpetofauna. “A falla de estudo da herpetofauna por parte das promotoras eólicas e a escasa esixencia das Administracións neste aspecto, constitúen  causas do declive de anfibios e réptiles”, conclúen

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta