A leira de uvas do Castelo de Soutomaior bate récord: a mellor colleita dende 2015, con 18.651 quilos

A Deputación de Pontevedra aprobou a liquidación pola venda da uva, que vai proporcionar á institución provincial uns ingresos de preto de 47.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 03/01/2023 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra aprobou a liquidación pola venda da uva da leira do Castelo de Soutomaior, que vai proporcionar á institución provincial uns ingresos de preto de 47.000 euros.

Segundo informou a Deputación, na vendima deste ano recolléronse un total de 18.651 quilos de uva, o que a converteu na mellor colleita desde 2015. Foi a empresa Enoturismo Acha a que resultou adxudicataria da poxa aberta pola institución provincial para a colleita nas catro hectáreas de viñedos que ten a leira.

A maior parte da colleita foi de uva albariña, con 16.201 quilos, e o resto corresponde á variedade de godello (2.450 quilos). Na poxa, a firma adxudicataria ofertara un prezo de 2,60 euros por quilo de uva albariña e de 1 euro para o resto de variedades.

A do 2022 foi a mellor colleita desde que a Deputación implantou o sistema de poxa para a vendima e explotación da uva da leira do Castelo, superando por exemplo a cifra conseguida no 2018, con 17.754 quilos recolleitos, e tamén a do pasado ano 2021, con 16.827 quilos.

Os viñedos do Castelo de Soutomaior foron plantados nos anos 80 e esténdense por 4 hectáreas. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmidos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente, o que fai que as producións non sexan moi altas. A uva é autóctona, na súa maioría albariño, habendo outras variedades tanto brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) como tintas (mencía e sousón).

Vendima na leira do Castelo de Soutomaior
Vendima na leira do Castelo de Soutomaior | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta