Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/01/2023 | Actualizada ás 17:12
O Colexio oficial de Xestores Administrativos de Galicia denuncia que a súa rede de despachos adscritos, case 600, van ter que tramitar as axudas directas do Programa Impacto Autónomo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en horario nocturno "para que os seus clientes non queden sen elas". Por iso, piden que se abra o prazo de solicitudes ás 08.00 horas do luns.
Nun comunicado, afirman que o prazo para solicitar estas subvencións "abrirase o vindeiro luns ás 00.00 horas que, ademais, coincide co peche do trimestre e do ano, obrigando aos interesados a conectarse de inmediato para que non se esgote o orzamento, como sucedeu en pasadas convocatorias, que ás 08.00 horas xa non había diñeiro e estaba pechada a plataforma".
"Ademais, tendo en conta que o orzamento desta subvención é de 50 millóns, e habendo en Galicia uns 200.000 autónomos aproximadamente, só poderían beneficiarse desta axuda (2.000 por traballador) un 10 % é dicir, aqueles que se dean máis présa en solicitala".
Os xestores administrativos de Galicia lamentan que a administración autonómica non teña en conta o horario laboral de traballadores e autónomos e obrigue aos interesados a formalizar as súas solicitudes pola noite, "vulnerando así o dereito á desconexión dixital e ao descanso, segundo se recolle no artigo 88 da Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro e no artigo 18 da Lei 10/2021, de 9 de xullo, de traballo a distancia".
Ademais, sinalan que "o colapso das plataformas telemáticas que están horas sen funcionar por cuestións técnicas ou de mantemento tamén vai en contra do dereito do contribuínte a gozar dos prazos completos para realizar o trámite e esixen que, cando se de esta circunstancia, se prorroguen as datas de presentación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.