Dous estudos de diagnóstico por imaxe do Sergas, no Congreso da Sociedade Norteaméricana de Radioloxía

A Unidade Diagnóstico por Imaxe do Servizo Galego de Saúde presentou recentemente dous traballos sobre as grandes vantaxes da resonancia magnética neste encontro que reúne a máis de 45.000 profesionais e está considerado como o evento de referencia neste ámbito a nivel mundial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2023 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A Unidade Diagnóstico por Imaxe do Servizo Galego de Saúde (Sergas) presentou recentemente dous traballos sobre as grandes vantaxes da resonancia magnética no Congreso da Sociedade Norteaméricana de Radioloxía (RSNA), o cal reúne anualmente a máis de 45.000 profesionais e está considerado como o evento de referencia neste ámbito a nivel mundial.

Estes dous estudos presentados ante o congreso da RSNA, tal e como informa o Sergas, tratan en profundidade as vantaxes que ofrece a resonancia magnética fronte a outro tipo de métodos de diagnóstico.

O primeiro traballo está titulado 'As múltiples caras das lesións en rampla do menisco medial' e nel abórdase a forma de recoñecer estas lesións e a importancia de establecer un diagnóstico correcto, para o que hai que botar man da resonancia magnética para poder realizar o tratamento terapéutico, xa que normalmente pasan desapercibidas se se analiza cunha artroscopia convencional.

O outro traballo realizado pola Unidade de Diagnóstico por Imaxe, 'Lesións prostáticas e periprostáticas hipertensas en T2 e as súas características na resonancia magnética', recolle lecturas e visualizacións dos máis de 600 estudos de resonancia multiparamétrica de próstata que se realizan cada ano no sistema sanitario para demostrar que é a técnica máis avanzada para detectar o cancro de próstata de forma inocua.

O Sergas móstrase orgulloso deste "servizo pioneiro" e destaca que, desde 2006, Galicia conta cun servizo de teleradioloxía grazas á Unidade Móbil de Diagnóstico por Imaxe, a cal é "un modelo de atención sanitaria único no sistema público español". Segundo o Executivo galego a presenza destas unidades móbil xa realizou ata o momento "200.000 probas nos centros comarcais".

Así mesmo, o Sergas renovou este ano os equipos destas unidades, co obxectivo de incorporar avances que permitan obter imaxes de mellor calidade nun menor tempo. Outra das medidas tomadas respecto diso foi a de aumentar o espazo dos habitáculos de 60 a 70 centímetros, buscando "mellorar o confort dos pacientes".

Imaxe dunha unidade de resonancia magnética
Imaxe dunha unidade de resonancia magnética | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta