A homologación dos trens Avril rematará nas próximas semanas, pero aínda non chegarán a Galicia en primavera

Talgo asegura que "se avanza satisfactoriamente" nas últimas probas, despois dos retrasos sufridos nos prazos de entrega e denunciados polo Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2023 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

Talgo asegura que "se avanza satisfactoriamente" nas últimas probas de homologación dos trens Avril, "que terminarán nas próximas semanas".

Segundo explican fontes de Talgo a Europa Press, as probas realízanse en diversas vías de diferentes características en toda España. "Trátase de probas complexas e esixentes que deben ser superadas con garantías", aínda que sostén que progresan con normalidade.

A secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, deu a entender, nunha entrevista na TVG, que estes modelos de tren non estarán dispoñibles esta primavera para a súa chegada a Galicia.

Respecto diso, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, criticou un novo atraso na chegada dos trens Avril a Galicia, despois de que se comprometese a súa chegada para "o pasado verán".

Así mesmo, Talgo apunta que, tras esas probas, "comeza o período administrativo do proceso con diversas entidades: AESF e ERA". Ao que se suma que, "unha vez concluído, comezan as verificacións de cada tren antes da súa posta en uso".

Xa o pasado mes de decembro, a propia secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, recoñeceu, en declaracións en Ourense, que aínda non hai data para que estean operativos os trens Avril en Galicia, cuxa chegada é "cuestión de meses". Así mesmo, queixábase de que se "incumpriron prazos de entrega" por parte do fabricante, Talgo, polo que os trens aínda están en proceso de homologación.

Tren Talgo de Renfe
Tren Talgo de Renfe | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta