Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2023 | Actualizada ás 14:41
O Goberno galego aprobou este xoves un plan que expón para 2023 "intensificar" a actividade nos centros de saúde e nos hospitais da comunidade para alcanzar, mediante novos programas e a autoconcertación (labor que se realiza fóra da xornada ordinaria), un obxectivo: reducir as listas de espera a niveis "mellores" aos alcanzados no ano 2019, antes da pandemia.
Rueda recoñeceu este xoves que, tras alcanzar neste exercicio uns tempos "históricos", durante a pandemia, produciuse un "empeoramento". Agora, o obxectivo que se marca o Executivo é reducir nun 23% os tempos de espera mínima para actividade de consultas e probas diagnósticas, e nun 26% as de de operacións.
A efectos prácticos, de cumprir os obxectivos do seu plan e de acordo cos datos que repasou o propio Rueda, o tempo medio para a primeira consulta hospitalaria que se conseguiu antes da pandemia foi de 42 días, polo que en 2023 conseguiríase baixalo. No ámbito das cirurxías, a espera media situaríase por baixo dos 55 días de 2019.
Para iso continuarase tirando da autoconcertación polas tardes, é dicir, vaise manter o reforzo da actividade fóra de xornada ordinaria, pero tamén se impulsarán medidas extraordinarias a través de varias vías, como pór o foco nos pacientes crónicos, ou axilizar a atención para a adolescencia e a infancia (tamén no ámbito da saúde mental), e nos maiores de 90 anos.
Os hospitais comarcais tamén verán reforzada a actividade e, segundo Rueda, faranse máis operacións --ata 4.250 cirurxías adicionais--.
Máis aló, no que respecta aos programas de autoconcertación, que xa se realizan de forma "tradicional", prevese que en xornada non ordinaria se realicen 20.600 cirurxías, 124.000 consultas e 54.400 probas diagnósticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.