"Habería que triplicar o número de psicólogos clínicos do Sergas para dar unha asistencia de calidade"

O Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia lamenta que a sanidade galega non conte cos "recursos precisos para dar resposta a esta problemática". O PSdeG critica que o plan para reducir as listas de espera aos niveis de antes da pandemia chega tarde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) estima que debería triplicarse o número de facultativos clínicos no Sergas para dar unha asistencia "de calidade" e responder as necesidades da Comunidade en materia de saúde mental.

Nun comunicado publicado con motivo do Día da Loita contra a Depresión, "principal causa de discapacidade na sociedade segundo a OMS e que está diagnosticada a un 5,6% da poboación galega", o Colexio lamenta que a sanidade galega non conte cos "recursos precisos para dar resposta a esta problemática".

A taxa actual, apuntan, está en catro especialistas por cada 100.000 habitantes, "mentres que se estima que unha taxa por baixo de 12 psicólogos clínicos imposibilita a prestación desta asistencia sanitaria".

"Ante o incremento da demanda por parte da poboación máis nova, en Galicia non chegan a 20 os psicólogos que atenden a infancia e adolescencia nas distintas áreas sanitarias, con listas de espera que van desde o seis meses no mellor dos caos, a máis dun ano, segundo a área sanitaria", lamentan.

Sinalan ademais que hai que ter en conta que a atención aos máis novos é máis complexa, "xa que é preciso intervir na súa contorna (familia e centro educativo), o que implica que se necesita máis tempo no proceso terapéutico".

Desde o Colexio calculan que a dotación mínima de profesionais para atender as actuais necesidades de poboación infanto-xuvenil galega situaríase entre 50 e 60 psicólogos e psicólogas clínicas, "moi lonxe dos recursos actuais".

Na consulta dun psicólogo
Na consulta dun psicólogo | Fonte: inforbano.com

SANIDADE

Pola súa banda, o deputado do PSdeG Xulio Torrado sinalou este venres que o plan anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reducir as listas de espera aos niveis de antes da pandemia chega tarde e apuntou que os socialistas propuxeran "un plan de contratación extraordinaria de profesionais antes do verán pasado" e o PP "tachouno de demagóxico, de imposible e votou en contra".

En rolda de prensa no Parlamento, Torrado criticou que a Rueda "lle gusta presentar plans para todo". "Un día vai presentar un plan para cumprir os plans", ironizou. En todo caso, insistiu en que se trata dun plan que xa propuxera o PSdeG, polo que instou a Rueda a que "se quere, pode copialo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta