As fragrancias que nunca esvaecen

«Deixa passar o vento / Sem lhe perguntar nada. / Seu sentido é apenas / Ser o vento que passa…» (Fernando Pessoa, Odes de Ricardo Reis, Deixa passar o vento)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 16/01/2023

Comparte esta noticia
Na véspera da Noiteboa –que xa queda tan lonxe– Roberto envioume un whatsapp para felicitarme as festas, e eu respondinlle decontado cunha chamada telefónica. Quería escoitar a súa voz, fascinante e sedutora como a luzada da lúa, tan suave e agradábel como a seda, capaz de apoucar as intemperies e os aconteceres cargosos que tanto infestan estes tempos abruptos, acugulados de estragos..., de mediocridade e confusión. 
 
Preguntámonos pola vida e pola saúde, pola nosa e pola da familia e, case sen querer, falando da sinxeleza das cousas, fómonos imbuíndo nunha pracenteira conversa, coloreada de sabores excelsos e fragrancias intensas. Ao evocarlle a miña feliz condición de aldeanizado, enfiamos os sentires e a cháchara cara a alcoba das paixóns e emprendémola cos ovos da casa –ou ovos de pita, como os define outro amigo noso– «Nós temos cinco galiñas e satisfán abondo as nosas apetencias». Roberto enmudeceu un instante e deseguida exclamou: «Non hai comparanza, nin no sabor nin no aroma nin na esencia!» E ten razón, os ovos do supermercado –os que non son de pita, vaia!– son talmente insípidos, non saben a nada. Para a tortilla de pataca non hai como os ovos da casa. 
 
Finalmente levamos a conversa cara a incomparábel fragrancia que tanto enfeitizara os nosos sentidos: a película de Vittorio Gassman, Profumo di donna, capaz de exhalar inmensas nubes de xasmín. E falamos, obviamente, das penetrantes exuberancias que sempre ocuparán o camarín central do templo dos olores e gozos sublimes: o aroma do café, a fragrancia do tabaco e, por suposto, o incomparábel recendo da tortilla de pataca con ovos da casa. Que nunca nos falte a dozura e o relax dos ulidos que amados! 
 
Nestes días invernizos, cando a voraz anoitecida engule a tarde antes de que naza, cando xememos ata a extenuación por desembeleñar a madeixa das lembranzas, cando ao ano que xa feneceu lle custou tanto despedirse; mentres o novo espreitaba impaciente o descoido do moribundo, para darlle o empurrón letal cara ao precipicio da memoria e apoleirarse no seu niño de pétalos de caraveis e guizos de escambróns, cando a melancolía aínda teima e gurra contra a euforia, cando semella que todo está a piques de estragarse, sempre aparece o auxilio das fragrancias amadas e das vellas amizades que, nestes días de letarxia, axiña acoden con suma presteza, en forma de sabores incomparábeis, de whatsapp ou chamadas telefónicas apracíbeis. As vellas amizades que sempre se achegan dispostas a suavizarche, con aromáticas pingadas de refrescantes cavas, a secura dos amados ausentes, dos turróns cargosos e das horas e uvas secas, ata amansarche e adozar os aconteceres pretéritos e as nostalxias porfionas, ata amornarche con apócemas benditas a doenza dos infortunios e maluras, causados talvez pola repugnante hernia dos inesperados estorbos que foron inzando, cada día do pasado, entre os zumes gástricos da porfiona amnesia e o irresistíbel ardor das irredentas lembranzas.
 
[Conta o meu tío Lisardo que un dos recordos máis agradábeis que se acubillan na súa memoria é o aroma dunha tortilla, feita con patacas da terra e ovos da casa.Un intenso e inconfundíbel arrecendo que, cando a veciña cociñaba tortilla, conseguía atravesar a groso muro de pedra que separaba as dúas casas. Seica era tal o devezo daquel cheiror que, cando as sospeitas lle rebulían no padal, o meu tío arrimaba as ventas contra a parede medianeira para poder gozar daquel olor tan sublime, ata constatar que todo se esvaecía completamente]. 
 

Cea do Nadal
Cea do Nadal | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.