Rueda: "A xente o que quere é unha sanidade que os atenda o mellor posible"

Apoia acudir a médicos mir de último ano para cubrir vacantes e que médicos compatibilicen a sanidade pública coa privada a pesar de recoñecer que o 25% de PAC`s e centros de saúde teñen problemas de médicos. Pontón censura os "novos parches".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/01/2023 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

A Xunta quere volver a ter a sanidade que había antes da pandemia e que segundo o seu presidente galego tiña unha das medias en lista de agarda máis baixas do Estado. Unha situación que mudou, "algo no que tivo moito que ver a pandemia", destaca Alfonso Rueda. "A xente o que quere é unha sanidade que os atenda o mellor posible", destacou.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago.. DAVID CABEZÓN
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago.. DAVID CABEZÓN

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda recoñeceu que hai que reducir as listas de agarda "para ter as cifras de antes da pandemia e que sexan as máis baixas". Por iso, aposta por tirar de médicos mir de último ano xa que recoñece que en Galicia hai problemas en determinados Puntos de Atención Continuada (PAC) e Centros de Saúde. "Hai un 75% deles que teñen médicos pero no outro 25% hai problemas", admitiu. 

Con todo, apoia a proposta feita polo Consello Galego de Colexios Médicos para que os profesionais que exercen na sanidade pública poidan compatibilizala coa sanidade privada. "É un réxime de incompatibilidades que só temos en Galicia e en  Asturias", matizou. Con todo, e preguntado se non baralla atraer con incentivos económicos a estes médicos que queren exercer na privada, destacou que aínda que traballan pola súa conta "sempre será fóra do seu horario laboral". 

XUNTANZ A COS ALCALDES

En relación á petición feita polos rexedores da área de Pontevedra --principalmente os do PSdeG e BNG xa que os do PPdeG non o fixeron-- de pedir unha xuntanza directa con el para analizar o "colapso sanitario" desta comarca, Rueda dixo que xa hai unha entrevista fixada co conselleiro para a vindeira semana. "Eu agardo que asistan", dixo.

En todo caso, aproveitou para criticar a estes mesmos alcaldes por denunciar o estado da sanidade galega e pedir responsabilidades en Galicia "pero non dicir nada do Goberno central". "Non hai ningunha outra petición ao goberno central que tamén ten responsabilidade e non é que a Xunta faga todo mal e o Goberno central todo ben", dixo ao apuntar motivacións políticas nestas protestas.

CRÍTICAS DE ANA PONTÓN

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censura o "novo parche" da Xunta na sanidade, xa que "nas última semanas pasouse do anuncio de PAC sen médicos ao anuncio de agora de que persoal que non acabou a súa formación atenda nas urxencias de atención primaria da PAC".

Nunha visita a Mura, Pontón esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "deixe de lado as ocorrencias e poña solucións á gravísima situación" sanitaria. "Levamos 13 anos de recortes, privatizacións, con precariedade no persoal médico e colocando á sanidade pública na situación límite que ten neste momento", recriminou. Por iso, lanza a mensaxe de que o BNG non permitirá "nin un paso atrás" nesta materia.

EQUIPOS DE ENFERMARÍA

Por outra banda, o  presidente da Xunta anunciou a posta en funcionamento de 35 equipos de enfermaría --formado por dous profesionais cada un-- que se desprazarán a domicilio para atender a pacientes crónicos en zonas rurais e semirrurais do territorio galego.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, o máximo dirixente galego explicou que esta medida se adopta no marco das actuacións para reducir as listas de espera, un plan que foi avanzado tras a reunión do Goberno da semana pasada. Conta cun orzamento de 3,3 millóns de euros.

Estes profesionais contarán cun vehículo propio e darán apoio aos centros de saúde nos que van actuar e, ademais, serán tamén "proactivos" para facer seguimento aos pacientes inmobilizados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta