Verín contará cun balneario asistencial

O Concello de Verín formalizou días atrás a cesión do terreo situado en Caldeliñas á Fundación San Rosendo. O destino do mesmo será a construción e posta en funcionamento dunha residencia para o coidado e atención de persoas maiores.

Por Galicia Confidencial | Verín | 29/01/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Na formalización do acordo en escritura pública o pasado 24 de xaneiro estiveron presentes o alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e o presidente da Fundación San Rosendo, José Luís Gavela Varela. Coa rúbrica desta cesión bota andar un proxecto demandado pola sociedade verinesa, proxecto que tamén figuraba no programa de goberno do 2019.

José Luis Varela e Gerardo Seoane. Foto: Prensa Concello de Verín.
José Luis Varela e Gerardo Seoane. Foto: Prensa Concello de Verín.

Segundo o convenio, ratificado no pleno que tivo lugar o pasado 20 de decembro, o ente municipal cede gratuitamente á Fundación San Rosendo parte dunha parcela situada no lugar de “Pedreiras”, en Caldeliñas, que será destinada ao equipamento asistencial definido nos planos de ordenación pormenorizada do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Complexo Balneario-Asistencial de Caldeliñas. Este novo centro, que terá capacidade para 100 persoas maiores dependentes e dará emprego a 50 profesionais, estará situado nunha parcela de 12.000 m2.

O acordo entre as dúas partes contempla tamén dous aspectos importantes: a colaboración dos asinantes para a prestación de servizos asistenciais de calidade aos maiores do concello, municipio ourensán que conta cun nivel alto de envellecemento; e o compromiso da Fundación de contratar á maioría de traballadores do futuro centro entre os residentes de Verín que realicen as formacións pertinentes previstas por devandita institución.

O alcalde de Verín amosouse satisfeito por acadar, aínda que con máis retraso do esperado, que este Complexo Balneario-Asistencial de Caldeliñas sexa unha realidade. Gerardo Seoane subliñou que "ademais de ser un servizo moi necesario para a nosa vila, suporá a creación duns cincuenta postos de traballo directos, ademais de xerar unha serie de industrias auxiliares que sen dúbida terán un importante impacto positivo na economía local".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta