Proclamación de candidaturas para renovar o Consello Regulador da D.O. Valdeorras

Déronse a coñecer 12 listaxes que concorrerán ás eleccións do vindeiro 19 de febreiro.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 28/01/2023 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral vén de realizar a proclamación definitiva das candidaturas que concorrerán aos comicios do vindeiro 19 de febreiro para renovar o Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Así, 12 listaxes, que se incardinan nos censos A1, A2, B1, B2 e C --estipulados nas bases da convocatoria electoral-- veñen de ser consideradas definitivas.

Vendima nunha viña de Valdeorras. Foto: Prensa D.O. Valdeorras.
Vendima nunha viña de Valdeorras. Foto: Prensa D.O. Valdeorras.

O censo A, correspondente ao sector produtor, divídese en dous subcensos: o A1, integrado por aqueles viticultores que teñan achegado ao Consello Regulador un maior volume económico en concepto de cotas por actividade nos últimos tres anos naturais; e o A2, composto polo resto de viticultores (que non voten ao abeiro do censo C, relativo ás cooperativas).

No censo A1 presentan candidaturas a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA); Unións Agrarias-UPA; o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Candidatura de Viticultores Independentes de Valdeorras. Cada unha das listaxes inclúe dous titulares e un suplente. Por outra banda, dentro do censo A2, aprobáronse como definitivas as candidaturas presentadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas; Unións Agrarias-UPA e a Candidatura de Viticultores Independentes de Valdeorras. Neste subcenso, cada listaxe posúe dous membros titulares un suplente.

Ao tempo, o censo B (para o sector industrial), constituído por titulares de adegas inscritas nos rexistros da denominación, está composto por dous subcensos: o B1, no que figuran representantes das adegas cun maior volume económico en concepto de cotas destinadas ao Consello Regulador durante os últimos tres anos naturais; e o B2, conformado polo resto de adegas (non cooperativas).

Para o censo B1, presentan listaxes a Candidatura Independente por unha Valdeorras de Prestixio e Calidade e a Candidatura Independente RUVIRCO (con dous membros titulares e un suplente en cada unha). Para o B2, aprobáronse as listaxes presentadas pola Candidatura Independente Adegas Calidade Valdeorras e a Asociación Agraria de Galicia-ASAGA (cun titular e un suplente en cada unha).

Finalmente, no censo C --correspondente ao sector cooperativo-- preséntase a candidatura Adegas Cooperativas de Valdeorras, conformada por dous titulares e un suplente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta