O Concello de Allariz avalía os danos ocasionados polos temporais e busca axudas

As grandes rachas de vento afectaron a cubertas en espazos municipais que sumado aos danos ocasionados pola enchente do río Arnoia ascenden a un total de máis de 233.000 euros, un 10% do orzamento total do Concello.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 28/01/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os temporais de vento e choiva deste comezo de ano deixaron desfeitas, avarías, inundacións, derrubes e graves danos no patrimonio e en espazos municipais do Concello de Allariz.

Bernardo Varela, Cristina Cid e Tino Feijoo. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Bernardo Varela, Cristina Cid e Tino Feijoo. Foto: Prensa Concello de Allariz.

A alcaldesa, Cristina Cid, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela e o aparellador municipal Tino Feijoo presentaron o balance do custe económico que suporá arranxar os estragos feitos polas enchentes do río Arnoia e os danos ocasionados polas rachas de vento. 

As grandes rachas de vento afectaron a cubertas en espazos municipais e o leito do río Arnoia estragou, por mor do aumento de canle, muros, pasarelas, pontes, presas, camiños e espazos infantís ao seu paso polo concello. A valoración total dos danos anteriores ascenden a un total de máis de 233.000 euros, un 10% do orzamento total do Concello.

BUSCA DE AXUDAS

O concello púxose en contacto coa Xunta de Galicia para estudar a posibilidade de que se habiliten axudas e este venres, 27 de xaneiro, aprobouse no Pleno Municipal a Declaración de “Zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil” para que a administración do Estado poida aportar axudas para paliar a situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta