Marca de temperatura negativa este ano en Galicia, -10º en Calvos de Randín

Os municipios de Baltar, Verín e Xinzo de Limia baixan dos -6 e as xeadas esténdense pola maior parte do interior galego

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2023 | Actualizada ás 10:46

Comparte esta noticia

Calvos de Randín volveu a marcar na mañá deste martes a temperatura mínima de toda Galicia ao descender ata os 10 graos baixo cero. E é que todo o sur da provincia de Ourense mantívose de madrugada en alerta amarela por frío, con valores que chegaron a superar, á baixa, os 5 graos negativos.

De acordo cos valores extremos rexistrados por Meteogalicia, Calvos de Randín chegou aos -10 graos sobre as 8,20 horas da mañá, o que supón para o municipio unha nova marca no que vai de inverno.

Tamén se alcanzaron temperaturas moi baixas, inferiores a -7 graos, en municipios da mesma zona. Así, a estación meteorolóxica de Baltar marcou -7,6 ás 6,40 da madrugada e a de Vilela, no concello de Verín, -7,1 ás 8,40 horas.

En Xinzo de Limia, aínda que non chegou a baixar tanto, a estación notificou 6,3 graos negativos ás 9,00 da mañá; mentres que, en Vilariño de Conso, os medidores do Parque do Invernadeiro alcanzaron os 4,2 baixo cero ás 4,50.

O sur ourensán foi a zona de Galicia máis afectada polas xeadas da madrugada deste martes, na que Meteogalicia mantivo activada unha alerta amarela --ata as 9,00-- por temperaturas que podían baixar e, de feito, baixaron dos -4. Esta situación replicarase este mércores. Máis aló de Ourense, en zonas de montaña e do interior da provincia de Lugo tamén descenderon ata alcanzar os -2,4 en Pedrafita do Cebreiro ás 6,20 horas e os -1,6 en Navia de Suarna ás 5,10.

PREDICIÓN PARA ESTE MARTES

Ao longo deste martes, Galicia volverá a esta baixo a influencia anticiclónica. Haberá ceos despexados en xeral, salvo bancos matinais en zonas do interior. Con todo, pola noite non se pode descartar algunha choiva débil e puntual no norte galego.

Os ventos soprarán de compoñente leste e frouxos en xeral, pero moderados na costa noroeste.

Vexetación afectada polas xeadas no concello de Sandiás
Vexetación afectada polas xeadas no concello de Sandiás | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta