O PP di di que actuan como "inmunidade" fronte ao "virus do sanchismo" en Galicia

Din que son "a mellor opción" de face ás eleccions municipais

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2023 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O Partido Popular reivindicouse como a forza política capaz de actuar como "inmunidade" fronte "ao virus do sanchismo" en Galicia ante as eleccións municipais do próximo 28 de maio, nas que "cada voto" ao Partido Socialista "reforza" a Pedro Sánchez na Moncloa.

"Pedro Sánchez preséntase nos 313 concellos galegos", aseverou a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, durante unha rolda de prensa celebrada este venres en Santiago. Alí, a tamén deputada no Parlamento galego defendeu que o PP é "a mellor opción" de face á cita coas urnas da primavera. "A solvencia só está ao carón do taboleiro", remarcou tras acusar á oposición de actuar con "soberbia".

Segundo Prado, a oposición ao PP en Galicia está "dedicada a asistir a congresos independentistas como o de ERC", en alusión ao BNG, ou vive "no medio de pelexas internas" e "ao servizo de Sánchez", en referencia ao PSdeG.

Sobre estes últimos, a responsable dos populares galegos sinalou que converteron "a casa do pobo" --nome que reciben as sedes das agrupacións locais socialistas en Galicia-- en "a casa das leas".

"O PSdeG, a nivel autonómico, provincial e local; padece a síndrome de Sánchez, que se infiltra nos territorios e fai que a marca do PSOE sexa desprezada, da que todos queren escapar", continuou.

Para Prado, isto provoca que "ninguén queira asumir o liderado do sanchismo en Galicia" mentres se suceden "crise tras crise" a nivel local e "Messi segue no banco", en alusión ás palabras do secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, que comparou ao futbolista arxentino co exlíder dos socialistas José Ramón Besteiro ante o seu hipotético regreso á política activa.

Así, sinalou que os socialistas galegos teñen no seu actual secretario xeral, Valentín González Formoso, a "un líder autonómico que non quere ser e a un exlíder autonómico que quere volver", en alusión a Besteiro.

Esta situación interna é, a xuízo de Prado, "resultado do servilisimo e sometemento" ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "un mal" que, di, "non só afecta" ao PSdeG senón que "tamén" repercute na comunidade porque "sempre que toca elixir pon a Sánchez por diante de Galicia".

Así o demostra, para a secretaria xeral do PP autonómico, que "a delegación do sanchismo en Galicia siga sen facer unha crítica á lei do só si é si que rebaixou penas a máis de 30 delicuentes sexuais" ou que "non" critiquen "os atrasos" en infraestruturas.

Por todo iso, remarcou que Pedro Sánchez "se presenta nos 313 concellos" o próximo 28 de maio nunhas eleccións locais nas que "cada voto ao PSOE reforza" a súa continuidade na Moncloa, polo que pediu aos galegos que opten polo PP para "trasladar" aos concellos "a política seria" que, di, leva a cabo a Xunta.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta