Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/12/2014 | Actualizada ás 14:00
Tivo que pasar case un mes e numerosas críticas por parte de veciños, afectados e partidos da oposición, pero, finalmente, o Concello de Lalín aceptou a renuncia do pediatra, Ángel Suárez Serrano, á Encomenda do Codido –a mesma que ten o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo-- tras ser condenado por abusos sexuais a unha menor.
A principios de mes, o xulgado do Penal n.1 de Pontevedra condenábao a unha pena de tres anos e medio de cárcere así como unha indemnización de 15.000 euros. Ditaba, ademais, unha orde de afastamento, de modo que durante un período tamén de tres anos e seis meses o pediatra que exerceu en Lalín non poderá achegarse á moza a menos de 100 metros nin comunicarse con ela a través de calquera medio.
Por iso, e tras coñecerse esta decisión xudicial, os grupos da oposición no concello, e outras con forte implantación na comarca, como CxG, pedíanlle ao alcalde que tomara medidas e que lle retirara este ao médico esa encomenda, que é o símbolo da recoñecida festa gastronómica da capital dezano.
Sen embargo, nin o rexedor, nin o acusado tardaron case un mes en solucionar esta incómoda situación. Foi o pasado sábado, segundo informan desde o Concello de Lalín a Galicia Confidencial, cando Ángel Suárez Serrano rexistrou no Rexistro Xeral do Concello unha carta de renuncia a súa condición de comendador do Cocido “a fin de non causar danos de ningún tipo á Encomenda do Cocido”.
Desde o Concello tamén suliñan que o xurado do premio “Lalinenses do Ano”, decidiu nunha xuntanza o pasado mércores deixar sen efecto o recoñecemento a José Mouriño como “Premio Solidariedade 2007”. Este empresario está condenado e en prisión por un crime acontecido na Barcia
GC informara a pasada semana de que tanto Suárez Serrano coma José Mouriño mantiñan os seus honores a pesares de ser condenados por abusos sexuais e asasinato, respectivamente. “Cando se adopte unha decisión sobre ese tema vola facemos chegar”, limitáronse a respostar entón fontes municipais cando foron consultadas por este xornal.Tamén Faro de Vigo se fixera eco das críticas da oposición sobre o feito de que José Creso, o rexedor de Lalín, non tomara medidas para retirarlle estes honores.
Tanto o PSOE como CxG vinculaban o silencio do alcalde co feito de que este médico fora pechando as listas municipais do PP, un posto sempre simbólico. Cuíña sospeita que hai "débedas morais" do PPdeG con el por este feito. Tamén González Casares, do PSOE, entende que o feito de que o pediatra fora nas listas populares “non é un simple accidente”.
O tema suscitou mesmo un debate social no Concello. Un dos seus veciños, Xosé Manuel López, activou un evento en Facebook no que esixe a retirada das honras ao condenado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.