Artesanía de madeira de oliveira galega

Armaior é unha pequena empresa que partindo da tradición familiar da carpintería tivo que reinventarse por mor da crise dándolle un xiro moi creativo e orixinal ao negocio. Agora está centrada na artesanía en madeira de oliveira creando orixinais produtos para a cociña e para a decoración. Creacións súas teñen viaxado ata Laponia e coñecidos dos fogóns, como Pepe Solla, teñen obxectos deles nas súas cociñas. Falamos con Pablo Rodríguez.

Por Galicia Confidencial | Quiroga | 24/12/2014 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

De carpinteiro a artesán da madeira en Armaior. Cambio ou evolución? 

Pablo Rodríguez de Armaior
Pablo Rodríguez de Armaior | Fonte: XMF

Houbo que reinventarse, por mor da crise o moble macizo artesán e a carpintería sufriu un baixón moi grande e pensamos facer artesanía pequena que xa fixeramos anteriormente en madeira de castiñeiro pero desta vez apostamos pola madeira de oliveira e os utensilios de cociña.

De traballar con castiñeiro, nogueira ou carballo a centrarte na madeira de oliveira. Por que esta madeira?

A madeira de oliveira ten unhas calidades excepcionais para a cociña, e moi dura e resistente e antibacteriana. Ao ser unha árbore que tarda moito en medrar ten o poro moi pechado polo que non entran os olores, sabores nin cores; ademais é decorativa porque ten unha veta moi fermosa.

Hai oliveiras no país para darlle saída á vosa produción? Tedes pensado empregar outras madeiras no futuro? 

Culleres e cuncos de madeira de oliveira feitos por Armaior
Culleres e cuncos de madeira de oliveira feitos por Armaior

En Quiroga onde vivimos hai moitas oliveiras, de feito elaborase aceite de xeito artesán, nos aproveitamos a madeira das podas. De momento non temos pensado elaborar artesanía noutras madeiras porque estamos moi satisfeitos coa aceptación que ten entre os nosos clientes.

Que obxectos elaborades e cales teñen máis saída? 

Temos mais de trinta produtos distintos para cociña e decoración: cuncas, morteiros, cuncas, culleres, garfos... o máis demandado pola xente son os crebanoces e as táboas para cortar.

Como comercializades as vosas creacións? 

De momento vendemos en feiras e mercados de artesanía principalmente, en menor medida temos pedidos no obradoiro e estamos preparando unha tenda virtual de cara ao futuro. Atendemos tamén encargos que nos chegan polas redes sociais, como o noso Facebook.

Estades na Toca, Quiroga, ás portas do Courel. Avantaxes e inconvenientes de ter o centro de traballo no rural? 

Case todo son avantaxes, temos unha vida máis tranquila que nas cidades e que se presta ao traballo artesán máis pausado. O entorno é inspirador e cada día hai máis visitantes que veñen coñecer o Courel e gozar da Ribeira Sacra, visitantes que son potenciais clientes porque valoran o traballo artesán na maioría dos casos.

Algunha curiosidade ou anécdota a comentar?

Pois que temos mandando creacións nosas a Suecia, concretamente a Laponia, e que entre os clientes así máis curiosos ou coñecidos temos a Lombao, adestrador persoal de Aznar, ou a Pepe Solla.

Tenda de Armaior na Praza de Monforte
Tenda de Armaior na Praza de Monforte
Crebanoces de Armaior
Crebanoces de Armaior
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

O crebanoces unha marabilla