Por Galicia Confidencial | Triacastela | 29/12/2014 | Actualizada ás 12:30
O xulgado de primeira instancia de Becerreá ven de fallar contra Cementos Cosmos, a cementeira do Grupo Votorantim, na segunda das tres demandas interpostas contra José Horacio Rio Lago, membro da ASC O Iríbio, a organización contraria a instalación dunha mina a ceo aberto en Triacastela.
Á espera da terceira demanda, con esta agora xa son dúas as demandas gañadas por este activista. “Ao igual que outros, está a sofrer os durísimos ataques nos tribunais deste monstruo empresarial e das suas potentes equipas da advogados, con falsas acusacións e fortes ataques económicos ás suas víctimas”, denuncian desde ContraMINAción.
Nesta demanda, Cosmos pretendía "deshauciar" a José Horacio Rio Lago de dúas fincas da súa propiedade, unha delas da súa familia desde fai centos de anos e outra adquirida hai dúas décadas lindando co perímetro da explotación mineira. Logo de 30 anos de mina a ceo aberto, a empresa reclamaba, agora, estas propiedades.
“Ditas parcelas son irrelevantes e innecesarias para dita mina, embora son estratéxicas para a explotación agrícola familiar do demandado, polo que se pretende facer o máximo dano desde esta empresa”, denuncia a entidade contraria á mina que denuncia que Cementos Cosmos tentaba castigar economicamente ao denunciado, pois alén do valor desas terras e dos gastos xurídicos na súa defensa, pretendía interporlle custas superiores aos 18.000 euros.
Non obstante, Cementos Cosmos non conseguiu demostrar a propiedade desas terras, e o demandado si. Segundo os activistas, a empresa presentou documentos correspondentes a outras parcelas que tentou facer pasar por documentos correspondentes ás parcelas en litixio e “todo tipo de trapalladas documentais e testificais que foran fulminantemente desmontadas”.
“As maniobras realizadas por Cosmos neste xuízo poñen en evidencia as irregularidades – e incluso falsidades documentais - no procedemento da suposta expropiación forzosa que esta empresa realizou durante o franquismo cos privilexios que o rexime concedía aos seus amigos”, engaden desde ContraMINAción. “Esta pequena victoria, a segunda nos ataques a José Horacio, é unha grande victoria para toda a viciñaza, que comeza a ver que a agresividade desta monstruosa empresa é debida a que está ferida de morte e a firmeza e constancia, a verdade e a razón, poden vencer até aos mais ricos e poderosos”, conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.