A loita pola igualdade de xénero

Os avances conseguidos nas últimas décadas en relación coa igualdade de xénero foron moi importantes. Durante o século XX a loita das pioneiras feministas permitiu conquistar dereitos elementais (voto, divorcio, aborto, estudos) que antes excluían ás mulleres. No ámbito da educación os datos son claros: seis de cada dez licenciados universitarios na UE son mulleres -aínda que nos consellos de dirección a súa presenza é aínda marxinal-.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 31/12/2014

Comparte esta noticia

“Por que as mulleres aínda non podemos telo todo?, preguntábase Anne Maríe Slaughter (alto cargo no goberno de Obama) nun artigo publicado en 2012. Porque en realidade a igualdade non pode ser só un asunto formal, senón que debe trasladarse á vida cotiá. É aí onde debe concretarse que homes e mulleres se relacionan e viven como iguais. No mundo da política, da economía e no ámbito profesional aínda queda moito terreo por conquistar. Aínda queda moita tarefa para superar a inercia de séculos de patriarcado. Michelle Bachelet (presidenta de Chile) fala de traballar no que denomina “política da presenza”: aquela política de acción afirmativa que promove a incorporación ao espazo da política a suxeitos ou grupos discriminados. Pero tamén advirte quea historia non é lineal: “nada nos asegura que os pasos dados só serán seguidos por máis pasos cara adiante; xa temos visto que son posibles os retrocesos”.

Iso é o que pretendeu facer o goberno de Rajoy por medio do cesado ministro Gallardón. Desde o seu sillón de mando no Ministerio de Xustiza quixo impoñer unha lei do aborto que representaba un gravísimo paso atrás na historia, un retorno á barbarie e un atentado contra as mulleres e o seu dereito á autonomía e a saúde. Este político que, no seu día, soubo crearse unha imaxe de moderno, pretendía expropiar o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo e a súa vida. Esta lei, innecesaria e cruel (Gallardón chegou a afirmar queé tarefa do gobernante “repartir dor” ), só tiña unha xustificación: impoñer as crenzas do goberno sobre os dereitos das/os cidadáns, e dar satisfacción aos radicais do PP e da xerarquía eclesiástica. As numerosas movilizaciones e o clamor colectivo conseguiron frear a lei. Rajoy cesou ao ministro e anulou o trámite lexislativo cando percibiu consecuencias negativas na inclinación do voto. Nesa decisión non hai convicción senón cálculo. O risco segue aí:as forzas da caverna seguen á espreita desexando volver atrás na historia, aos tempos da dominación e a desigualdade.

Pero todo isto sucede na parte do mundo onde as cousas van mellor. Porque hai outra metade do planeta onde as mulleres loitan, simplemente, por sobrevivir, por fuxir da explotación, da fame, das ablacións, dosburkas, das violacións e dos matrimonios forzados nos anos da infancia. A metade das mulleres do mundo son pobres. Viven cada día en condicións de discriminación en canto a dereitos, identidade, saúde ou educación. En moitos lugares do mundo nacer muller é unha desgraza. É como vir ao mundo cunha tara de fábrica. Nas zonas de conflito crónico pode ser máis perigoso ser nena  ou muller que ser soldado. Lola Huete relata, nun artigo, testemuños desgarradores. Ekra A.K. de 30 anos, de Costa de Marfil, chegou aos suburbios de Rabat (Marruecos), no seu camiño cara a Europa: “Que fas para poder vivir?”, pregúntalle a Ekra. Ela responde: “prostituírme”. Esa é a vida de moitas mulleres que carecen de futuro. A escala mundial, unha de cada tres mulleres sofre violencia sexual ou física nalgún momento da súa vida; a pobreza é demasiadas veces o caldo de cultivo para estas atrocidades. Lakshmi Puri , directora axecutiva  de ONU Mulleres, advirte que “a pobreza ten cara de muller: hai unha crecente feminización da pobreza, tamén nos países desenvolvidos. A trata  e o tráfico de mulleres converteuse, xunto ao da droga e as armas, no “negocio” internacional máis lucrativo. Vinte millóns de vítimas, mulleres e nenos, son unha mercancía coa que trafican os indesexables e obteñen ganancias obscenas. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.