Santiago aproba a modificación que limita as vivendas turísticas ás plantas baixas con uso residencial

Tamén se inclúen os primeiros pisos dos edificios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2023 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O pleno municipal de Santiago de Compostela aprobou este xoves a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) polo que se regulan as vivendas de uso turístico e cuxa apertura queda limitada ás plantas baixas que teñan uso residencial ou aos primeiros pisos, no caso de que non sexa posible esa primeira opción.

Esta normativa, que o goberno local que preside Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG-PSOE) necesitaba sacar adiante ante o vencemento este mes de marzo da moratoria de vivendas de usos turísticos, contou co apoio de Compostela Aberta, grupo político que expuxo por primeira vez cando gobernou entre 2015 e 2019 a moratoria turística.

Pola súa banda, o BNG abstívose pese ao apoio inicialmente dado e o PPdeG votou en contra e augurou que está abocada á presentación de recursos xudiciais. Con todo, o alcalde compostelán destacou que se trata do tema "máis importante do mandato" e advertiu, previo ás votacións, que de non saír adiante o escenario que se abría en marzo era de "enorme complexidade e alegalidade", así como "dificilmente irreversible".

Antes do inicio do pleno interviñeron unha portavoz de Aviturga, Estrela Ferreiro, e de Previturga, Miguel López, para mostrar o seu rexeitamento á modificación normativa que este xoves saíu adiante. "Pretenden aprobar unha modificación lesiva para un gran número de persoas da rúa", manifestou Estrela Ferreiro, quen foi moi dura coas acusacións ao goberno local, ao que acusou de querer converter Santiago "nun Castro Baroña" e de representar "unhas siglas baleiras", en referencia aos socialistas.

Fóra do salón de plenos, na Praza do Obradoiro, varias decenas de manifestantes apostáronse para protestar contra esta regulación que, din, "finiquita" aos pequenos propietarios en favor dos grandes propietarios. A normativa aprobada este xoves tamén recolle a prohibición de construír gasolineiras nas proximidades das vivendas. Concretamente, permítese estas instalacións en zonas específicas para elas, parcelas de uso comercial e industrial situadas en polígonos ou zonas de uso global terciario (non residenciais) e como complemento ou auxiliar en establecementos comerciais.

Protesta de afectados pola regulación de vivendas de uso turístico en Santiago de Compostela
Protesta de afectados pola regulación de vivendas de uso turístico en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

REACCIÓNS DOS GRUPOS POLÍTICOS 

O portavoz de Compostela Aberta no debate, Jorge Duarte, destacou a relevancia desta aprobación e advertiu de que nesta sesión os grupos quedan "retratados" sobre o modelo de cidade que queren. 

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Popular, José Constenla, criticou que se trata dunha medida que "non está en absoluto dialogada" e chamou a atención sobre que parece que "molesta máis unha familia de turistas que o batifondo que se monta nos locais da cidade".

Mentres, a portavoz do Grupo do BNG, Goretti Sanmartín, mostrou o seu apoio a que se regule este ámbito e "evitar a proliferación" dos pisos turísticos, pero tamén sostivo que habería que regular con "maior consenso" e finalmente votou xunto á súa compañeira de bancada unha abstención.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, tamén interveu no pleno para defender esta modificación que "persegue un obxectivo claro, promover un adecuado equilibrio" entre o uso residencial e os complementarios, defendendo a "función residencial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta