Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/02/2023 | Actualizada ás 15:43
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou este venres o "despeque" económico da cidade "despois da pandemia", algo que acreditan as 244 novas licenzas de actividade económica concedidas entre os anos 2021 e 2022.
O rexedor compareceu este venres nunha rolda de prensa na que fixo un primeiro balance dalgúns datos que irá ofrecendo nos próximos días e que reflicten ese "dinamismo económico" da urbe nun contexto "post-pandemia" marcado por "a crise de prezos e a guerra de Ucraína". Nesta ocasión, o alcalde centrou a súa comparecencia nas cifras de licenzas de apertura ou títulos habilitantes de negocios ou actividades comerciais nos últimos dous anos.
Concretamente, en 2021 e 2022 Pontevedra logrou igualar, e mesmo superar, as cifras dos anos 2018 e 2019 á hora de emitir licenzas de apertura para negocios e actividades comerciais. Así, entre os anos 2021 e 2022, o Concello atendeu 244 peticións de licenza de título habilitante de apertura, mentres que nos anos 2018 e 2019 foron 239.
Entre os exemplos expostos, Fernández Lores citou a apertura do supermercado Gadis na rúa Benito Corbal ou a previsión de apertura de dous Aldi no municipio, que serán o segundo e terceiro que se abren en toda Galicia. Estes supermercados, apuntou, están en cidades con "dinamismo económico", baseándose en "rigorosos estudos de mercado".
Tamén incidiu en que, a día de hoxe, en Pontevedra hai tres residencias da terceira idade en construción, dúas privadas e unha pública, que están a xerar un movemento económico importante e o día de mañá ofrecerán centos de posto de traballo. "Imos máis que a duplicar a capacidade das residencias existentes nos próximos anos", dixo.
Lores tamén informou da presentación por parte dunha promotora do aval de cinco millóns de euros para iniciar a urbanización do novo Polígono comercial do Vao, que acollerá outros establecementos de gran actividade económica.
"Cadeas sen gran presenza na cidade están a apostar por Pontevedra en plena crise", remarcou o alcalde, engadindo que estes investimentos se realizan ao entender que a cidade ofrece un espazo "seguro, accesible e multiservicio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.