Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2023 | Actualizada ás 18:14
'Matria', ópera prima do director galego Álvaro Gago, estréase este venres a nivel mundial no Festival de Cinema de Berlín (a Berlinale), a competición dentro da sección Panorama. A partir desta tarde, o festival acollerá varias proxeccións de Matria ata o sábado 25 de febreiro. A estrea comercial en salas de cinema está previsto para o 24 de marzo.
Este é o primeiro longo do cineasta arousán e parte do personaxe principal do curto homónimo que recibiu recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya a Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.
A tamén galega María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a ferro mata) interpreta a Ramona, a protagonista. Completan a repartición Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha 'Tatán', Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista do curto e da historia real na que se inspira a cinta.
Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, Matria está producida por Matriuska Producións, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidade A Película, AIE. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación de Televisión de Galicia, Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Pontevedra.
Tal e como explica o propio Gago e recollen nun comunicado de prensa, 'Matria' inspírase na vida de Francisca Igrexas, "unha heroína anónima que coidou ao meu avó durante os últimos anos da súa vida e coa que manteño unha íntima amizade".
"Unha muller cunha vida complicada á que nunca se lle permitiu mostrarse tal e como é. Foi a súa historia persoal, pola que sinto unha admiración sincera, a que me levou a empezar a escribir. Era importante levar esta historia á pantalla porque necesitamos que persoas como Ramona dean un paso á fronte. É a través de historias como a súa que temos que mirarnos ao espello e repensar a nosa realidade máis inmediata. En 'Matria' conviven o peso da realidade e a influencia do mito, o carácter dunha rexión e a universalidade da súa natureza, a historia persoal dunha muller e a historia de todo un territorio", explica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.