Incendios no Xurés en pleno inverno, cambio climático, falta de xestión e...algo máis?

O primeiro lume do ano no Xurés deixou 162 hectáreas queimadas. Despois deste viñeron tres incendios máis. Organizacións ambientalistas falan dunha clara intencionalidade detrás da actividade incendiaria nesta zona. Pola súa parte, a Xunta reafírmase nas súas políticas de extinción nesta área.

Por Moncho Mariño | Santiago | 19/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A aparición de lumes no parque do Xurés durante o mes de febreiro deste 2023 é a evidencia da política de abandono do rural e mala xestión do monte por parte das autoridades autonómicas e centrais en Galicia, segundo algúns movementos ambientalistas. Desde outra perspectiva, tamén hai ambientalistas que ven unha intencionalidade “económica-industrial” detrás dos incendios rexistrados este ano, e dita intención non é máis que arruinar o valor ecolóxico deste lugar para a instalacións de megaparques eólicos transfronteirizos. A Consellería de Medio Rural apunta á orixe dos lumes desde o lado portugués.

Un hidroavión realiza labores de extinción dun incendio forestal na Serra do Leboreiro, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés, a 26 de agosto de 2022, en Serra do Xurés, Ourense, Galicia (España)Rosa Veiga - Europa Press
Un hidroavión realiza labores de extinción dun incendio forestal na Serra do Leboreiro, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés, a 26 de agosto de 2022, en Serra do Xurés, Ourense, Galicia (España)Rosa Veiga - Europa Press

CAUSAS MULTIFACTORIAIS

A “intencionalidade” detrás dos lumes nos montes en Galicia é un conglomerado de rumores, suposicións e, ás veces, claras intencións de causar dano tamén por causas diversas. Alén diso, a aparición de incendios fóra dos “meses tradicionais” para estes fenómenos crea unha serie de interrogantes a día de hoxe moito máis relacionados con especulacións, simples sospeitas e, ás veces, certezas, aínda que poucas.

É por iso que desde os movementos ambientalistas recean das ideas preconcibidas ou da “rumoroloxía” arredor da aparición de lumes no monte, sexa cal sexa a época do ano. “A aparición de incendios forestais é multicausal e non podemos basearnos en díxome-díxomes, hai que buscar razóns científicas” apunta Fins Eirexas de Adega.

“En vista de comentarios en grupos nas redes sociais relacionados coa prevención e extinción de incendios, comezamos a facer un traballo de camposobre a intencionalidade dos lumes no monte” apunta Patxi Lueiro da Asociación Arco Iris. “A porcetaxe de incendios en Galicia é moi superior ao resto do Estado, algo que ademais se trata como un feito consumado”. É así que tanto desde a política como a xudicatura, apuntan movementos ambientalistas, trátase o lume forestal como un elemento que apenas merece un esforzo extra para combatelo.

Aínda así, e tal como apunta Lueiro, até 2013 levouse unha contabilidade dos lumes en Galicia por parte da Garda Civil. Os datos apuntaban unha densidade incendiaria moi alta, como xa se dixo, mais o destacable é por que se deixou de recompilar datos.

QUE PASA NO XURÉS?

“Temos a aplicación de políticas nefastas sobre ese territorio, un abandono das administracións como se non tivesen o máis mínimo interese en mantelo” declara Eirexas. “O lume en inverno nesta área é unha mostra da falta de xestión e prevención no monte en toda Galicia”. Ao abandono tamén se suma o feito de períodos secos, a falta de humidade no chan e outros factores como é o cambio climático e as súas consecuencias.

Patxi Lueiro volve apunta que no caso do Xurés as pistas forestais para o acceso de motobombas estiveron atrancadas. “Desde Ourense ratificaron que existían obstáculos físicos que impedían a entrada no parque” de equipos antiincendios. Por outra parte, “tampouco entendemos porque din que o lume vén de Portugal cando en Twitter se sinalou que un dos focos estaba do lado galego”.

A Consellería de Medio Rural sinala pola súa parte apunta que “en relación coas pistas, a inmensa maioría das da rede viaria forestal son públicas e permanecen abertas todo o ano, agás en momentos puntuais de arranxo e mantemento das infraestruturas, que en todo caso non afectan á prioritaria extinción”.

En relación á orixe dos lumes que afectaron ao Xurés nos últimos días, Medio Rural sinala que de todos os investigados pola UIFO (Unidade de Investigación de Incendios Forestais) que entran en Galicia, “todos se inician en Portugal, algún na mesma liña do deslinde entre os dous países. En numerosas ocasións o persoal do dispositivo galego accede ao territorio portugués para combater o lume alí e evitar que entre en territorio galego”.

Os lumes na Serra do Xurés son consecuencia dunha época seca sen precipitacións en inverno. Isto, unido a factores como o abandono rural, a mala xestión do monte, a falta de prevención e posibles obstáculos para a actuación de equipos de extinción, favorecen a propagación do lume. Existe ademais a crenza extendida entre varios colectivos de intereses económicos e industriais para a eliminación da denominación de parque natural, algo que impediría a instalación de proxectos industriais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta