Batas Blancas critica a proposta para eliminar o complemento de dedicación exclusiva na sanidade galega

Advirten de que "podería favorecer a corrupción" e considérano "un paso máis cara a privatización da sanidade"

Por Galicia Confidencial | Galicia | 22/02/2023 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

A Asociación Batas Blancas vén de denunciar nun comunicado a súa "profunda preocupación" ante a proposta dos colexios profesionais e do Sindicato O' Mega para suprimir o complemento específico ou de dedicación exclusiva ao sistema público de saúde e deixar compatibilizar aos médicos a súa actividade privada coa actividade no Sergas.

Médico e prescrición de receita
Médico e prescrición de receita | Fonte: Icomen

Desde o colectivo critican que o presidente galego, Alfonso Rueda, fixerase eco da demanda "e ordene ao seu conselleiro que non se demore na materialización". Lamentan tamén que non se levara a cabo un referéndum entre os afiliados ou colexiados para consensuar o tema. "Menos dun 8% dos médicos que traballan no sector público compatibilizan con outra actividade privada", afirman.

CORRUPCIÓN E BENEFICIO DOS GRUPOS EMPRESARIAIS PRIVADOS

Batas Blancas alerta tamén de que permitir a compatibilidade do exercicio profesional entre o público e o privado "podería favorecer a corrupción e a prevaricación", especialmente nas especialidades con máis listas de agarda. 

Sobre o acordo entre Sanidade e os colexios médicos aseguran que "é moito máis grave" do formulado inicialmente. "Non se conseguiu igualar o complemento específicos, senón que autorizan a que todos os médicos que o desexen poidan traballar no Sergas e en hospitais privados concertados", indican.

Para os integrantes de Batas Blancas, a resolución "é das máis graves que tomou a Xunta nos úlitmos anos" e advirten de que beneficiará aos grandes grupos sanitarios privados. "É un paso máis cara a privatización do sistema sanitario galego", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta