Pode impulsar a Xunta un novo "boom" inmobiliario permitindo vivendas en baixos comerciais?

A Xunta cambia a lei do bipartito para axilizar trámites e eliminar normativas relativas á rehabilitación de casas e á compra de baixos comerciais para adicalos a vivendas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/02/2023 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A Xunta está disposta a modificar a lei de vivenda de vivenda do bipartito para impulsar a rehabilitación de inmobles e a reconversión de baixos comerciais a vivendas nos cascos urbanos das grandes cidades galegas. Así o anunciou este xoves o presidente galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde sinalou que o obxectivo da nova normativa "é facer máis habitables os centros das cidades".

Unha persoa pasa por diante dun baixo comercial pechado
Unha persoa pasa por diante dun baixo comercial pechado | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Así, precisou que a Xunta está xa traballando para modificar unha normativa que ten 15 anos para eliminar requisitos de rehabilitación no interior das vivendas, como que haxa un tamaño mínimo nos cuartos, ou requisitos de habitabilidade interior ou mesmo de situación dos tendais. "Son requisitos que agora non teñen sentido", dixo Rueda.

"Pero o máis importante é tentar rescatar nas cidades todos os baixos comerciais que non se están utilizando pero non poden ser utilizados como vivendas", dixo o presidente galego que indicou que isto está provocando "o abandono de moitos baixos" e a "degradación" dos centros urbanos de moitas cidades galegas. 

Actualmente, a construción de vivendas en baixos comerciais está permitida e depende tamén as normativas dos PXOMs dos distintos concellos. "Hoxe hai baixos que son vivendas pero os requisitos son moi estritos e quedaron obsoletos e hai que actualizalos", xustificou Rueda. Por iso, a Xunta quere ir máis alá e eliminar determinados requisitos, especialmente, aqueles que teñen que ver con elementos constructivos, como que eses baixos teñan que ter unha altura mínima das fiestras ou non poidan ser consideradas como vivenda exterior. 

CAMBIOS

Deste xeito, os cambios na normativa van orientados a garantir a intimidade dos inquilinos da vivenda pero sen que exista unha altura mínima para as fiestras. "Pódese preservar esa intimidade con outros elementos como pantallas ou fiestras opacas", dixo. Tamén a que estes baixos poidan ter a consideración de vivendas exteriores se se cumplen os requisitos e sen necesidade de modificar o planeamento urbanístico. 

Rueda destacou que esta proposta está "moi consensuada" co sector e, preguntado se isto non implicará un novo boom inmobiliario de vivendas de uso turístico, destacou que iso vai depender de cada concello que "sigue tendo autonomía urbanística". "Nós flexibilizamos o que había e logo cada concello fará o que queira dependendo do seu PXOM", indicou ao tempo que insistiu que, coa actual lei do bipartito, era "case imposible" impulsar a rehabilitación de baixos e vivendas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta