Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/02/2023 | Actualizada ás 15:28
A folga iniciada o pasado 24 de xaneiro polos Letrados de Administración de Xustiza (LAJ) a nivel nacional, sáldase, polo momento, con case 7.000 actos e xuízos suspendidos en Galicia, segundo informaron a Europa Press fontes da Unión Progresista de Letrados da Administración de Xustiza (UPSJ).
Representantes destes altos funcionarios convocaron folga indefinida desde o 24 de xaneiro para reclamar ao Goberno o cumprimento dos acordos de abril pasado, entre os que está a adecuación dos seus salarios, en función das novas funcións e responsabilidades adquiridas desde 2009.
Ademais de xuízos (salvo os servizos mínimos e causas con preso), o paro obrigou a suspender en Galicia miles de actos que requiren a presenza destes secretarios xudiciais, como apoderamentos, comparecencias e tomas de declaracións.
Tamén se paralizaron pagos de pensións, depósitos de multas, indemnizacións, etc., xa que os LAJ son os encargados de xestionar os depósitos bancarios de cada oficina xudicial. De feito, e ante os prexuízos que isto causa, o propio comité de folga fixo unha recomendación o pasado 17 de febreiro para que, nun "exercicio de responsabilidade", se expediran mandamentos de pago ou transferencia en relación a pensións de alimentos de menores, ou que se celebrasen vodas nos rexistros civís.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.