A última loita dos bombeiros galegos

Créase a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia para defender a supervivencia dun modelo público de loita contra os lumes. Os profesionais critican a pouca profesionalización e o clientelismo dos novos servizos de urxencias privados.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/01/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os bombeiros tamén se organizan. Son poucos e logo de anos de ninguneo, decidiron organizarse.  Este mércores constituían en Santiago a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia (PBPG), un grupo onde están os bombeiros de cidades e parques comarcais e nos que non hai distinción entre credos ou relixións porque o obxectivo é común para todos; defender o futuro da súa profesión.

Mesa redonda sobre a situación da loita contra os lumes organizada pola Platarforma de Bombeiros Públiicos de Galicia (PBPG)
Mesa redonda sobre a situación da loita contra os lumes organizada pola Platarforma de Bombeiros Públiicos de Galicia (PBPG)

A decisión de crear esta plataforma xa ven de lonxe. Hai tempo que, desde os distintos parques, son moi críticos coa privatización dos servizos de loita contra os lumes e da creación de unidades locais de emerxencias con personal pouco preparado e, en moitas ocasións, vinculados ao partido político que goberna no municipio.

E o que eran críticas illadas, co tempo, derivaron en xuntanzas e, finalmente, na constitución dunha plataforma que ten por obxectivo defender os seus dereitos e a supervivencia dun modelo público de loita contra os lumes. Así o decidiron este mércores nunha asemblea que mantiveron en Santiago e que veu precedida dunha mesa redonda onde participaron profesionais, alcaldes e xornalistas.

Precisamente, nese acto falouse, e moito, da mala situación na que se atopa un sistema abafado por novos grupos que dependen dos concellos e que contratan personal pouco cualificado.  Son os Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) ou Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), entidades creadas ao abeiro da nova Lei de Emerxencias da Xunta.

“Úsanse estes servizos de emerxencia como redes clientelares”, denunciaron moitos dos bombeiros que interviron na mesa redonda. Unha situación da que responsabilizan aos políticos, “que fan as leis sen ter en conta as necesidades dos traballadores”. Por iso, parte das súas queixas foron destinadas aos alcaldes que alí se atopaban, especialmente, o de Ares, Julio Iglesias (PsdeG), ao que acompañaban o nacionalista David Rodríguez, de Manzaneda e Francisco García (BNG), de Allariz. Tiveron que aturar moitas das críticas que ían dirixidas a un Partido Popular que decidiu, finalmente, non enviar a ningún dos seus rexedores.

Por iso, socialistas e nacionalistas tiveron que saír ao paso das críticas dun sistema que fomenta, principalmente, o actual goberno de Feijóo. “Non todos os concellos teñen redes clientelares. O que buscamos, como alcaldes, é o mellor para os nosos cidadáns”, suliñaba Iglesias que recoñecía que, durante o bipartito, se abriu a porta a privatización deste servizo para cubrir as emerxencias de distintos puntos de Galicia e polas dificultades para chegar a un acordo cos sindicatos dos bombeiros.

“O que non ten sentido é crear parques privados a dous quilómetros de onde xa hai un parque de bombeiros, como acontece na Coruña”, denunciaba un profesional. Unha situación que vai en prexuízo do modelo público xa que, cos parques privados, se limitan os medios e a creación de novos postos de traballo. Actualmente, a idade media dos bombeiros está xa preto dos 50 anos. “Ademais, nos privados traballan tres persoas por quenda, o que supón un número moi pequeno de efectivos para facer fronte a unha situación de emerxencias”, engadiu outro bombeiro.

E fronte a esta situación, están as prioridades dos gobernos populares, con 136 millóns para a Unidade Militar de Emerxencias (UME) do Exército, 294 millóns de fondos europeos e 500 millóns de Medio Rural. “E este diñeiro ben xestionado na loita contra o lume, non daría mellores resultados”, preguntábase outro.

Por iso, a nova plataforma ten como obxectivo afondar na discusión do modelo de servizo de bombeiros que poida atender as necesidades do país. Durante a xuntanza, aprobouse un borrador de Estatuto e se adoptou a decisión de presentarllo aos grupos políticos para tentar realizar achegas e melloras. Un das principais finalidades é “dignificar” a súa profesión e acadar o recoñecemento como traballadores públicos do Grupo C.

Ademais dos tres rexedores, houbo intervencións de Ignacio Garcia Urquizo, Secretario Xeral de. APTB(Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros) e xefe Sección Operaciones dos bombeiros de Bilbao; Borja Gonzalez , Bombeiro do Ayuntamiento de Torrelavega (Cantabria); Jose Ignacio García, bombeiro da Diputación de Zamora; Xabier Villar, bombeiro do Concello de Santiago de Compostela; Carlos Nieves, bombeiro do Consorcio de Lugo e Roberto Rivas, Bombeiro Concello de A Coruña e un dos multados no desafiuzamento de Aurelia Rey. De feito, os seus compañeiros fixeron un chamamento para axudar aos multados nesta actuación a través da campaña iniciada por Stop Desafiuzamentos da Coruña.

Tamén interviron nas xornadas Xurxo Salgado, director do GC e Anxo Pérez, da TVG. Os dous comunicadores insistiron na necesidade de que os bombeiros se acheguen persoalmente aos profesionais dos medios para informalos e que distingan entre o xornalista e a liña editorial que manteñen certos medios que están ao servizo do poder. “Ás veces hai intereses en non contar o que pasa nos lumes porque hai moitos cartos da Xunta para calar críticas dos medios. Pero iso non quere dicir que non haxa xornalistas ou non haxa medios que son quen de saltar esa autocensura para informar do que acontece”, apuntou Salgado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta