Dous 'Premio Planeta' na 6ª edición das Xornadas de Novela Histórica de Verín

Os vindeiros 31 de marzo e 1 de abril, a Biblioteca Municipal converterá, un ano máis, a vila do Támega no epicentro cultural da novela histórica. “Historia e Misterios" será o fío condutor deste ano.

Por Galicia Confidencial | Verín | 05/03/2023 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

Segundo confirmou na presentación do evento o Alcalde de Verín, Gerardo Seoane, "nesta ocasión, os autores e autoras presentes trasladarán aos asistentes a diferentes momentos da historia, sempre desde o prisma do misterio, temática central desta nova edición".

Presentación das VI Xornadas de Novela Histórica. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación das VI Xornadas de Novela Histórica. Foto: Prensa Concello de Verín.

Dende a organización adiantan que se viaxará a Exipto, e coñecerase a historia sempre menos comentada da Primeira República Española; á Galicia medieval para dar conta dos conflitos entre os reis Alfonso XI o "Xusticeiro" e o do seu fillo Pedro I de Castela o "Cruel". E tamén haberá un achegamento aos territorios de Luisiana abordando a nova posesión dos territorios do Mississippi por parte do Imperio Español, a relación entre os nativos americanos e os europeos e a multitude de conflitos entre franceses, ingleses e as novas colonias independentes e a escravitude e as relacións imposibles.

As xornadas levan por título “Historia e Misterios”, serán de libre acceso ata completar aforo e contarán coa presenza de cinco autores e autoras de primeiro nivel dentro deste xénero literario. Entre eles salientar o Premio Planeta 2017, Javier Sierra, e a Premio Planeta 2022, Luz Gabás. Ademais, estarán amenizadas polo profesor David Rodríguez Rivada que fusionará a melodía do seu chelo coa literatura.

VOLUNTARIADO

Seguindo a liña das anteriores edicións, as VI Xornadas de Novela Histórica serán presentadas por voluntarios e voluntarias da Biblioteca de Verín que incluso introducirán aos propios autores e autoras. Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro de Mocidade, explicou na presentación que "teremos unha sesión especial aos alumnos e alumnas dos centros de ensino onde Javier Sierra falará sobre a súa novela 'A pirámide inmortal', a súa adaptación ao cómic, e como foi realmente a súa vivencia unha noite enteira dentro da Gran Pirámide, igual que fixo Napoleón, Julio César ou Alejandro Magno". Esa sesión será o venres 31 de marzo pola mañá.

EXPOSICIÓN

Dende o 1 de marzo, a Biblioteca Municipal de Verín abrirá ao público a exposición “A pirámide inmortal: Napoleón en Exipto”, cedida para este evento pola Editorial Norma que publicou o cómic baseado na novela homónima de Javier Sierra. A mesma tamén estará dispoñible no Auditorio de Verín os días das xornadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta