A espantada cara ao paraíso... fiscal

“Cómpre que a sociedade reflexione sobre dúas cousas. A primeira, sobre a competencia desleal que supón o “dumping” fiscal, que practican os Países Baixos, ou mesmo Luxemburgo ou Irlanda, entre outros. E a segunda, pensar en quen pode ser o seu compañeiro técnico no camiño, e quen non. Algo que non é novo nin orixinal, non: moitos países do noso entorno son moito máis restritivos que nós e andan con poucas bromas cos que se van buscando o aforro a curto prazo ou o “pelotazo” particular dalgún..”

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 11/03/2023

Comparte esta noticia
Non cabe dubida de que do que se di ao que se fai, vai moitas veces un mundo. Un abismo, se o lector o prefire. Unha fenda profunda, que ás veces tórnase en inconmensurable. Pero é bo non perder a perspectiva, e non quedarse coa dialéctica, coa que contan os Gabinetes de Comunicación, que no noso mundo do século XXI van, moitas veces, moi por libre. Por iso son dos que prefiren mirar atentamente aos feitos nus, sen moito máis aderezo.
 
Que a grande empresa multinacional da construción lisque agora cara aos Países Baixos non é froito dunha falcatruada, nin dunha querenza especial por tulipáns e “pólders”, nin por motivos sentimentais. Non é emocional. A organización fixo as súas contas e, a partires de aí, actúa. Dentro da estrita legalidade, pero retratándose. Porque pode dicir o que queira, pero o certo son os feitos. Eses que implican o caramelo que supón unha regulación ben distinta, debido á existencia de incomprensibles paraísos fiscais no núcleo duro e máis no xermolo da Unión Europea. Marchará só por iso ou tamén por querer mirar cara a outros mercados desde plataformas operativas máis favorables, quizá cuns números non óptimos?
 
O feito é que abandona o barco despois de ter recorrido á subvención pública, ou mesmo á axuda do Estado en procesos como os ERTES nos que estivo inmersa. Faino despois de facer do país o seu caladoiro, lícito e lexítimo pero caladoiro ao fin, á hora de obter grandes contratos cos que creceu de forma importante e se fixo potente. Pero agora vaise, e desgraciadamente no noso país non hai moitos elementos que penalicen ese tipo de accións de forma efectiva, por exemplo na contratación de obra pública. Déixanos, por uns millóns de euros de bonificación fiscal en cada anualidade. E xa non recorda de onde saíu, como foi aquel transo, ou as veces que encarou un mellor futuro ou mesmo evitou o fin, grazas ao músculo compartido doutros moitos.
 
Pero é case normal que ninguén se escandalice. Normal no senso de habitual, de práctica común nesta sociedade que vai a menos conforme vanse simplificando os patróns de conduta e a memoria colectiva. Porque, non é certo que incluso algúns sindicatos fixeron súa á hora de despedir unha reforma laboral que criticaron e coa que non concordaban en absoluto? Ou que me din daquelas organizacións do sector non lucrativo que, de igual maneira, basearon o seu crecemento en librarse dunha parte da súa forza de traballo, deixando moitas veces á xente “daquela maneira”? As mesmas teimas incluso para quen pretendía ser diferente, cun referente ético moito máis sólido. É por iso que – como digo -  non sorprende que, a estas alturas e cando as cousas distan moito de ir ben, algúns se tiren ao monte e abandonen a vía da contribución ao esforzo colectivo. 
 
A partir de aquí, mirando ao mar penso que cómpre que a sociedade reflexione sobre dúas cousas. A primeira, sobre a competencia desleal que supón o “dumping” fiscal, que practican os Países Baixos, ou mesmo Luxemburgo ou Irlanda, entre outros. E a segunda, pensar en quen pode ser o seu compañeiro técnico no camiño, e quen non. Algo que non é novo nin orixinal, non: moitos países do noso entorno son moito máis restritivos que nós e andan con poucas bromas cos que se van buscando o aforro a curto prazo ou o “pelotazo” particular dalgún. Reflexionar si, pero tamén obrar en consecuencia, porque o Estado precisa fondos, como os que pagamos todos os traballadores e traballadoras, consumidores e consumidoras, para non só manter o que xa construímos, senón para melloralo e actualizalo. E, entre outras cousas, para poñer en marcha infraestruturas como as que se lle encargaron durante anos á empresa que agora fai a maleta.
 
Non hai nada peor que o mercado intervido, con regras trucadas. Esa sorte de capitalismo de pega de hoxe, no que a máxima de “É o mercado” é cambiada por “É o mercado, cando me interesa”. Se xogásemos ao capitalismo puro e duro – non llo recomendo, porque os chamados “fallos do mercado” poden ser brutais desde todos os puntos de vista - seguramente a empresa que hoxe marcha xa non existiría hai tempo, tendo resistido só os verdadeiramente máis fortes. Pero facéndoo como hoxe, con un capitalismo de pega e trucado, aínda é peor: algúns bancos desafiúzan e pechan o crédito, pero logo axudámolos a fondo perdido, algunhas empresas van a ERTEs pagados en parte polo Estado, para despois marchar, e as enerxéticas contan que van de pena, repercutindo nos consumidores prezos imposibles, para logo repartir os dividendos máis altos da súa historia, ou “bonus” estratosféricos. É unha economía feita á medida de catro, e que está a asolagar o noso proxecto colectivo, e que agocha o verdadeiro traballo desde moitas persoas e empresas responsables e serias. E agora, xa ven,  en remoto e desde un paraíso fiscal.  
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Entrada á Audiencia Nacional
Entrada á Audiencia Nacional | Fonte: Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.