Por E.P. | Madrid | 15/03/2023 | Actualizada ás 11:45
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego solicitou a comparecencia no pleno do Congreso dos ministros de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e de Pesca, Luís Planas, para explicar o desenvolvemento da eólica mariña recollida nos Plans de Ordenamento do Espazo Marítimo (POEM).
Nunha comparecencia de prensa na Cámara baixa, o parlamentario nacionalista tamén avanzou que pedirá que acudan a comisión outros cargos dos departamentos implicados na creación de parques de eólica mariña, cuxa implantación afecta, segundo Rego, "dunha forma decisiva" á actividade pesqueira e aos ecosistemas costeiros.
"O BNG non está en contra das renovables, senón que sabemos por todos os informes que hai que a costa de Galicia non é adecuada para a instalación destes polígonos industriais", sinalou o deputado frontista, que censurou que o POEM permita a creación de polígonos na costa Atlántica "a 20 quilómetros" do litoral cando noutros países de Europa a distancia mínima é "de entre 50 e 70 quilómetros".
Rego incidiu en que esta postura crítica co impulso á eólica mariña "é compartida" por unha "ampla" representación da sociedade galega e polo sector mar industria de Galicia, que, como lembrou, supón "máis do 5% do PIB" e dá traballo "a máis de 60.000 persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.