A automoción galega pecha 2022 cunha facturación de 11.550 millóns de euros, un 3 % máis

Medra a exportación dunha industria que conta con 23.200 empregos directos

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 17/03/2023 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O sector da automoción de Galicia pechou o ano 2022 cunha facturación de 11.550 millóns de euros, un 3 % máis que o ano anterior, e con cifras marca de exportación, alcanzando os 8.220 millóns de euros.

Así o comunicou o Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), que celebrou que o sector resistise "nun escenario de problemas de aprovisionamento, encarecemento de materias primas, crise enerxética ou escalada da inflación.

CEAGA sinalou que a exportación desta industria creceu un 0,7 % con respecto a 2021 e que as cifras alcanzadas supoñen un 27,5 % do total de exportacións de Galicia. No caso dos compoñentes, o aumento das vendas no exterior foi moito maior, do 5,6 %, ata os 1.740 millóns de euros.

Os principais produtos ou servizos ao estranxeiro estiveron destinados, principalmente, a países como Francia, Portugal, Polonia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Marrocos, Suecia, Arxentina ou EEUU.

No que respecta ao emprego, a automoción galega contaba ao peche do ano pasado con 23.200 empregos directos, un 1 % menos que o ano anterior e supón un 13,8 % do emprego industrial da comunidade galega. Así mesmo, o clúster fabricou o 19 % dos vehículos producidos en España, co centro de Stellantis en Vigo á cabeza no ranking nacional.

VEHÍCULOS DE SEGUNDA MAN

Por outra banda, a Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos, Ancove, fixo públicos este venres os datos de vendas de vehículos de segunda man en febreiro e informou de que, en Galicia, nese mes, os turismos usados pagáronse a unha media de 11.285 euros (fronte aos 12.702 da media nacional), un 1,8 % máis caros que hai un ano. Con todo, en comparación con xaneiro de 2023, os turismos de segunda man baixaron o seu prezo medio un 1,46 % en Galicia.

Nas unidades de máis de 8 anos, o prezo medio no territorio foi 8.663 euros, un 0,1 % de baixada en termos anuais. O peso destes coches foi o 72,7 % sobre o total do mercado de segunda man en febreiro da comunidade, fronte ao 61,8 % a nivel nacional.

Liña de montaxe na planta do grupo Stellantis en Vigo
Liña de montaxe na planta do grupo Stellantis en Vigo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta