Está Galicia preparada para que os edificios sexan de "cero emisión" en cinco anos?

A Eurocámara quere que todos os de nova construción sexan así nesa data e amplía o prazo a 2032 para os que se renoven.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Representantes do sector da construción e dos arquitectos en Galicia aseguran estar "preparados" ante o que ven unha "tendencia imparable", en relación ao reto de que todos os edificios de nova construción sexan de "cero emisións" para 2028.

O pleno do Parlamento Europeo adoptou esta semana un proxecto para que todos os edificios de nova construción estean equipados con tecnoloxías solares para 2028, cando sexa tecnicamente adecuado e economicamente factible, mentres que os edificios residenciais en proceso de renovación importante teñen ata 2032.

En declaracións a Europa Press, o xerente do consello territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo, explica que este proxecto da Eurocámara "responde a unha tendencia imparable: a de mellorar a eficiencia enerxética das vivendas".

A fundación laboral da construción, na que se uniron a Confederación Nacional da Construción, CC.OO. do Hábitat e a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT, preséntase como clave na formación dos profesionais.

Pola súa banda, a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, destaca que os seus colegas están "preparados para o reto" e a comunidade "ben situada porque se está facendo un gran esforzo para que as axudas" para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios cheguen ao maior número de beneficiarios.

Placas solares. FUNDACIÓN RENOVABLES - Arquivo
Placas solares. FUNDACIÓN RENOVABLES - Arquivo


FALTA DE PROFESIONAIS

Desde a industria da construción, pola súa banda, García Novo coincide en que "se está traballando desde hai moito tempo para estar preparados ante esta nova realidade, aínda que preocupa a falta de profesionais, xa que este tipo de edificios requiren unha man de obra altamente cualificada".

O sector entende que "a mellor vía para loitar contra o cambio climático e a crise enerxética é diminuíndo a demanda porque, aínda que hai enerxías renovables moito máis limpas que os combustibles fósiles, a enerxía máis limpa é a que non se usa", subliña o xerente.

DIRECTIVA

A directiva de 2012 relativa á eficiencia enerxética sinala que os edificios representan o 40% do consumo de enerxía final da Unión Europea. Nesta directiva, a UE xa se marcaba a meta de conseguir un aforro do 20% no consumo de enerxía, apunta o xerente da fundación laboral.

"Os cambios normativos reflicten esta tendencia desde hai moitos anos, como o novo Código Técnico de Edificación, no que se modifican á alza os valores mínimos de esixencia enerxética para encamiñarnos cara a edificacións con consumo enerxético case nulo", incide.

A este código técnico alude tamén a portavoz dos arquitectos galegos: "Vén desde 2006 adaptándose ás normativas europeas e desde hai anos a tendencia é a proxectar edificios de consumo case nulo", sinala.

Esta semana, a posición da Eurocámara foi apoiada por 343 votos a favor, 216 en contra e 78 abstencións, mentres que os eurodeputados deberán iniciar agora negociacións co Consello para acordar a forma final do proxecto de lei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta