Análise do 'Proxecto Mil Ríos'... é unha actuación suficiente ou un investimento perdido?

O 'Proxecto Mil Ríos' pretende a limpeza e recuperación de case 500 quilómetros de tramos fluviais. Realizaríase mediante fondos Next Generation e con eles eliminaríanse especies invasoras, limparíanse as marxes dos ríos e recuperaríanse espazos naturais. Movementos sociais e ambientalistas cren que o proxecto non conseguirá chegar aos obxectivos marcados ante as trabas da mesma administración e a case imposibilidade de eliminar lixo e elementos non autóctonos.

Por Moncho Mariño | Santiago | 26/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 'Proxecto Mil Ríos' busca incrementar a resiliencia e capacidade de resposta fronte o cambio climático mediante a conservación da biodiversidade dos ríos. En total, 470 quilómetros que inclúen 50 cursos fluviais ademais da lagoa de Cospeito, serán as áreas onde actúen os servizos provinciais de Patrimonio Natural “que elixiron os ríos con maior necesidade de mellora do seu hábitat” sinala a Consellería de Medio Ambiente. É suficiente esta actuación?

Unha das xornadas anteriores de limpeza do río Tea organizadas por Lazoiro
Unha das xornadas anteriores de limpeza do río Tea organizadas por Lazoiro

CIRCULACIÓN E ESPECIES INVASORAS

O orzamento para o proxecto é de 5 millóns de euros que se irán investindo entre os anos 2022 e 2024. Con este diñeiro Medio Ambiente busca o control de especies exóticas invasoras nos corredores fluviais, a revitalización da vexetación natural nas marxes fluviais, a recuperación da continuidade fluvial, evitando a compartimentación e illamento das poboacións piscícolas e a mellora de hábitats fluviais e seguimento e testeo das especies migradoras. “A proposta de actuación foi encargada aos servizo provinciais de Patrimonio Natural que elixiron os ríos con maior necesidade de mellora do seu hábitat”.

“A situación dos ríos en Galicia é urxente ou  moi urxente” di Serafín González da SGHN. No referente á recuperación da continuidade fluvial e así evitar a “compartimentación e illamento de especies piscícolas”, González lembra que a día de hoxe os cursos galegos “teñen unha enorme cantidade de presas sen dispositivos de franqueo para a fauna acuática”. Mark Atkinson, de Ríos con Vida (www.riosconvida.es) apunta tamén que “actualmente moitos peixes non poden chegar á parte alta do río ou baixar por estaren as correntes de auga cortocircuitadas polas presas existentes”.

Doutra parte, as especies invasoras, tanto vexetais como animais, supoñen un risco para a fauna local que pode acabar extinguíndose se non se actúa. “Se non se poden erradicar as especies invasoras, polo menos telas controladas” di González. Por iso mesmo 'Mil Ríos' busca ese control de especies “exóticas invasoras” nos corredores fluviais.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará accións de limpeza e conservación nos ríos Sar e Sarela ao seu paso por Santiago. XUNTA
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará accións de limpeza e conservación nos ríos Sar e Sarela ao seu paso por Santiago. XUNTA

Non obstante, a eliminación ou control de especies invasoras contempladas en 'Mil Ríos', Medio Ambiente apunta que “neste proxecto só se actúa sobre árbores e plantas invasores da ribeira fluvial para mellorar esta parte fundamental do ecosistema”. Déixanse así especies como o visón americano, o mapache ou o cangrexo americano de río. “As especies animais autóctonas en perigo son a toupa de río, o tourón, o sapoconcho e o mexillón de río” apunta González.

ACTUACIÓNS E PRAZOS

Segundo a Consellería de Medio Ambiente, durante o primeiro ano de actuacción, 2022, ademais de decidir os ríos nos que traballar, comezouse coa eliminación de exóticas. En 2023 continuarase coa eliminación de exóticas e “comezarase coa redacción e execución de proxectos de mellora da continuidade fluvial e de métodos de seguimento das poboacións de peixes migradores”. En 2024 remataranse os repasos na eliminación de exóticas invasoras e os proxectos xa iniciados.

“Á parte de todo isto, está a limpeza do lixo nos ríos que despois das enchentes púidose ver a cantidade existente mirando só os residuos que quedaban nas gallas das árbores” di González. Non hai tampouco un plan de control de verteduras nas augas dos ríos, labor que poden frear as depuradoras (EDAR). Ante esta cuestión, Medio Ambiente responde que desde o 'Proxecto Mil Ríos': “non se actúa nas EDAR porque non é unha competencia da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, promotora deste proxecto”.

As críticas a este proxecto vértense sobre a escasa incidencia nos cursos de auga galegos e, quizais, a falta de ambición que apuntan algúns sectores. Consideran que os orzamentos investidos non son abondo a pesar de que “se están a facer plantacións de especies autóctonas de ribeira onde é necesario mellorala”, como apunta Medio Ambiente. A pesar disto, 'Proxecto Mil Ríos' non é suficiente para ambientalistas e naturalistas, ademais de colectivos como pescadores fluviais.

Os prazos de tempo e os orzamentos non suporán modificacións importantes en relación á recuperación de espazos fluviais. Tampouco o diñeiro investido será suficiente para unha recuperación íntegra de áreas como os bosques de ribeira, mesmo cando Medio Ambiente sinala sobre a limitación de distancias ao río de especies como eucaliptos: “esta iniciativa é un proxecto de execución de mellora do hábitat fluvial e non inclúe cuestións sobre regulación normativa”.

Por tanto, as melloras na calidade da auga nos ríos, así como a actuación sobre todo tipo de especies invasoras, deberán esperar até que as administracións consideren necesarias estas accións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta