Formoso acusa á Xunta de "chegar tarde" para participar nos parques eólicos xa autorizados

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2023 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou que a Xunta de Galicia "perdese a oportunidade" de participar nos máis de 70 parques eólicos que autorizou recentemente por chegar "tarde" coa súa decisión de crear unha sociedade pública para participar nestes proxectos enerxéticos.

"Vemos de bo grado, aínda que sexa moi tarde, que a Xunta se acolla á proposta feita polo PSdeG fai oito meses xunto a outras entidades que despregan a súa actividade no mundo do traballo e no mundo rural", lembrou en referencia ao Pacto Eólico asinado pola súa formación con organizacións sindicais, agrarias e do mundo rural. Este documento que, como sinalou, recollía unha cláusula que apostaba por promover a participación pública nos proxectos estratéxicos de Galicia.

Tras incidir en que esta participación non debe ser só vinculada á enerxía eólica, senón que debe estenderse a outras iniciativas como as plantas de hidróxeno, sostivo que a participación da Xunta nestes proxectos é "cómoda para todo o mundo". "Tamén para as entidades privadas promotoras, que haxa colaboración público-privada, tutorización da administración pública, facilitación administrativa para a implementación da industria...", sinalou.

Con todo, nunha rolda de prensa celebrada este venres en Santiago de Compostela, lamentou que o Partido Popular e Alfonso Rueda "tardasen moito en tomar a decisión" e fixerano "tan tarde" que a Xunta "perdeu a oportunidade de facelo cos 75 parques eólicos que acaba de autorizar hai uns días", indicou.

"A Xunta anunciou este xoves que nas próximas autorizacións de parques eólicos, a próxima vez que teña que conceder unha declaración ou informar favorablemente, vai ter en conta o impacto socioecónomico que ten no territorio. Iso quere dicir que non o fixo nos 75 parques a autorizados", censurou.

O novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso
O novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso | Fonte: César Argina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta