A USC participa nun consorcio internacional para reducir a captura accidental de especies mariñas ameazadas

O pouco éxito das medidas ata o momento débese a "reticencias" por parte da industria pesqueira

Por Galicia Confidencial | Galicia | 24/03/2023 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

É coñecido que a pesca incidental supón unha das maiores ameazas para as especies mariñas ameazadas ou protexidas. Malia que se tomaron medidas nas últimas décadas, o seu alcance segue sendo limitado, Agora, un consorcio europeo, CIBBRINA, reunirá membros de 14 países entre os que se atopa a Universidade de Santiago de Compostela, para reducir os danos causados por estas actividades na costa do Atlántico nordeste e o mar Báltico.

A USC participa nun consorcio internacional para reducir a captura accidental de especies ameazadas
A USC participa nun consorcio internacional para reducir a captura accidental de especies ameazadas | Fonte: USC

Os esforzos do consorcio centraranse no impacto que este tipo de capturas accidentais teñen en animais como raias ou tiburóns, tartarugas, aves mariñas como o arao papagaio, o romeiro ou o dos cons, e mamíferos mariños como o golfiño común ou a toniña, aínda que o traballo tamén se estenderá a outras especies ameazadas e protexidas.

O proxecto de CIBBRINA está enmarcado no programa LIFE, recibirá un financiamento de 12 millóns de euros e terá unha duración de seis anos. Entre os socios inclúese a USC, a través dos investigadores do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) Sebastián Villasante,  Gillian Ainsworth, Pablo Pita e Ignacio Gianelli.

O equipo da USC coordinará o traballo de carácter socioeconómico e tamén se identificarán as principais barreiras económicas, sociais e institucionais e os incentivos para ofrecer produtos pesqueiros que non impliquen capturas accesorias destas especies ameazadas.

MAIOR PARTICIPACIÓN

Segundo expoñen os membros do proxecto, unha das principais razóns do pouco éxito das medidas destinadas a reducir a pesca incidental foron as reticencias por parte da industria pesqueira. “Habitualmente, as decisións parten dunha perspectiva científica ou política e impóñense posteriormente ao sector pesqueiro. Estas propostas, en ocasións, non son viables na práctica ou provocan consecuencias socioeconómicas adversas”, apuntan.

AVALIAR, CONTROLAR E MITIGAR

O proxecto enfocará a súa acción en diversas áreas de traballo. Por unha banda, avaliaranse e actualizaranse os datos dispoñibles sobre o impacto real das capturas incidentais nas poboacións das especies ameazadas. Tamén se controlarán as cifras de mortalidade causadas por este problema, a través das tecnoloxías máis novidosas, alén dos métodos habituais de observación a bordo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta