Seguimento "masivo" na folga de autobuses nas catro provincias, segundo os sindicatos

O cumprimento dos servizos mínimos de autobuses dependentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade situouse na contorna do 40% ata as 9,00 horas, segundo os datos da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2023 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

A folga do sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada desenvólvese cun seguimento "masivo" nas catro provincias, segundo as tres organizacións sindicais que convocan o paro (CIG, UGT e CC.OO.).

En declaracións a Europa Press, os representantes de CIG, UGT e CC.OO. sitúan o dato de seguimento por enriba do 90% e aseguran que "roza" o 100% nalgúns casos. Pola súa banda, a Federación Galega de Transportes (Fegatramer), valora que "discorre con normalidade", aínda que nas cidades bloqueáronse as saídas, en particular as estacións e "non permitiron dar cumprimento nin aos servizos mínimos", en palabras do seu portavoz Carlos García Cumprido.

Os traballadores reclaman negociar os catro convenios e as táboas salariais, que, segundo apuntan, levan sen actualizar dous anos no caso da Coruña e Pontevedra e cinco no de Lugo e Ourense. Ademais, na cidade de Vigo, na que este venres empeza o fin de semana 'grande' da Reconquista, coincide coa folga da concesionaria do bus urbano, Vitrasa.

Varias persoas protestan durante unha concentración pola folga do transporte de viaxeiros
Varias persoas protestan durante unha concentración pola folga do transporte de viaxeiros | Fonte: Javier Vázquez - Europa Press

"NON Á PRECARIEDADE"

Neste escenario, os sindicatos subliñan que agora, pasada Semana Santa, a patronal deberá "sentar de verdade". "Estabamos a negociar o IPC para A Coruña e Lugo e a oferta era do 0,8%. Isto é imposible. E en Lugo e Ourense nin sequera había negociación", criticou, pola súa banda, o portavoz do sector en UGT-Galicia, Miguel Campos, na concentración convocada na estación de Santiago.

O responsable do sector da CIG na comarca de Vigo, Carlos Lamosa, sinalou que a xornada de folga é resultado da actitude dunha patronal "inmobilista", que mantén salarios base por debaixo dos 1.000 euros e que, para actualizar as nóminas, ofrece "un irrisorio +0,8%". "Ri dos traballadores", concluíu.

PARO INDEFINIDO

Mentres, Raúl Rodríguez, de CC.OO. Galicia, non descarta que, chegado o momento, o sector reedite un escenario como o vivido durante o ano 2017, cando o paro foi indefinido e o conflito prolongouse durante varias semanas.

"A administración responsable aquí é a Xunta, que ten que mover ficha", advirte Campos, despois de trasladar as desculpas polos "danos causados" aos usuarios, que este venres de comezo da Semana Santa atopáronse coa folga á primeira hora da mañá.

O tres organizacións convocantes apuntan a unha xornada "sen incidencias" e a un "éxito rotundo", aínda que Ourense rexistrou algunha incidencia como as rodas picadas de autobuses en Trives e petardos lanzados na capital da provincia.

VIAXEIROS AFECTADOS

A sensación nas estacións de autobús galegas entre os viaxeiros era de desconcerto, xa que moitos deles descoñecían a convocatoria de folga, especialmente aqueles usuarios procedentes de fóra da comunidade.

Aínda que houbo menos movemento nas terminais, nalgúns puntos, como a estación intermodal de Vigo, houbo momentos de fileiras ante os mostradores de información das compañías.

A folga tamén provocou un transvasamento de afluencia das estacións de autobús ás de ferrocarril, aínda que o estendido que está o uso dos abonos gratuítos para viaxeiros recorrentes por parte de Renfe fai que os trens teñan esgotadas as súas prazas desde hai días.

ALFONSO RUEDA

Respecto a isto, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, chamou á "responsabilidade" dos folguistas e pediu que se cumpran os servizos mínimos establecidos para o paro no sector do transporte de viaxeiros deste venres.

Así o sinalou o mandatario autonómico ante os medios de comunicación tras inaugurar un tramo da senda peonil e ciclista que percorrerá toda a fachada do Porto de Vigo, desde As Avenidas ata Bouzas.

Rueda subliñou que se trata dunha folga legal e que é un dereito dos traballadores, polo que mostrou o seu respecto de todos aqueles que deciden seguila. Con todo, solicitou "responsabilidade" para que se cumpran os servizos mínimos.

SERVIZOS MÍNIMOS

O cumprimento dos servizos mínimos de autobuses dependentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade situouse na contorna do 40% ata as 9,00 horas, segundo os datos da Xunta. En relación co seguimento da folga de transportes nos servizos de autobús dependentes da consellería, o departamento autonómico que dirixe Ethel Vázquez apunta que a porcentaxe de cumprimento dos servizos mínimos establecidos nos interurbanos e integrados competencia de Infraestruturas e Mobilidade ata as 9,00 horas "roldaba o 40%".

En concreto, refire que foi do 37,04% no autobús interurbano e do 41,51% no transporte escolar compartido (servizos integrados). Así as cousas, afirma respectar o dereito a folga pero advirte de que "hai unhas regras de xogo que hai que cumprir" e lamenta que a presenza de piquetes nas estacións "estea a impedir o cumprimento dos servizos mínimos e a prestación dos servizos por aqueles traballadores que non desexan facer folga, ademais da afección ao transporte de escolares".

LUGO, POR BAIXO DO 15%

En total, desde as 0,00 ata as 9,00 horas, a consellería apunta que había 2.443 servizos previstos (autobús interurbano), 1.778 integrados (transporte escolar compartido), e realizáronse 905 e 738, respectivamente, de aí porcentaxes de cumprimento do 37,04% e do 41,51%.

Por provincias, na Coruña, eran 854 os servizos previstos, 245 os prestados; 507 os integrados e 212 os prestados. De aí saen porcentaxes do 28,69% de cumprimento de servizos mínimos e 41,81% nos servizos integrados. En Pontevedra, os datos son os seguintes: 694 servizos previstos, 505 integrados, e fixéronse 381 e 281, respectivamente: o 54,9% e o 55% de cumprimento, respectivamente.

As cifras baixan na provincia de Lugo, con 463 servizos previstos, 415 integrados, e a realización de 65 e 48, respectivamente (14,04% e 11,57%, respectivamente). Mentres, sitúanse por encima do 50% en Ourense: 432 servizos previstos, 351 integrados e 214 e 197 feitos, respectivamente: o 49,54% e o 56,13%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta