Marzo de 2023 foi o máis cálido desde 2012 en Galicia

En canto as precipitacións, Meteogalicia indica que "non se afastan demasiado da normalidade debido á chegada de numerosas borrascas ao longo do mes".

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 08/04/2023 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou un mes de marzo moi cálido e lixeiramente húmido segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. En concreto, foi o máis cálido desde 2012.

Respecto diso, explica que marzo, ao ser un mes de transición entre o inverno e a primavera, adoita presentar situacións "cambiantes". "E, nesa liña, as temperaturas estiveron en xeral por encima do esperado, con zonas amplas da Comunidade nas que non se afastaron moito da normalidade", explica.

En canto ás choivas, afirma que tamén presentaron bastante variabilidade, "con zonas nas que choveu en exceso, pero outras que quedaron por baixo do normal".

"Deste xeito, as temperaturas estiveron por encima dos valores normais nun mes tan cambiante como este, xa que comezou moi frío, pero as situacións anticiclónicas posteriores deixaron rexistros moi altos".

De feito, a temperatura media situouse 1,2 graos por encima do esperado, "o que supón que foi o marzo máis cálido desde 2012".En concreto, o valor medio das temperaturas máximas foi de 15 graos, rexistrándose os valores máis altos nos vales do Sil e do Miño, en Ourense, con valores próximos aos 19,9 graos. No caso das mínimas, no macizo de Manzaneda, Pena Trevinca e na comarca da Limia alcanzáronse os -0,1 graos.

LIXEIRAMENTE HÚMIDO

En canto as precipitacións, Meteogalicia indica que "non se afastan demasiado da normalidade debido á chegada de numerosas borrascas ao longo do mes". Así, a media rexistrada nas 16 estacións meteorolóxicas representativas foi un 9% superior ao valor climático normal, polo que se considera un mes lixeiramente húmido.

"Os datos reflicten un exceso de precipitacións nalgúns puntos, Pontevedra e sur da Coruña, e un déficit no resto da Comunidade, provocado pola persistencia dos ventos do suroeste", apunta.

En concreto, a precipitación media acumulada foi de 131 litros por metro cadrado, rexistrando os valores máis elevados nas comarcas do Sar, Xallas e Barcala con ata 571 litros por metro cadrado. Pola contra, a zona máis secas de Galicia localízanse no litoral da Mariña de Lugo e nalgunhas localidades da comarca de Valdeorras con acumulados de tan só nove litros por metro cadrado.

Varias persoas pasean pola praia de Silgar en Sanxenxo. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Varias persoas pasean pola praia de Silgar en Sanxenxo. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta