Calvo sobre a xestación subrogada: "É unha crueldade máis das moitas que tivemos que soportar as mulleres"

A deputada andaluza pon o acento en que se trata de "mulleres pobres que alugan os seus corpos" e "ricos que os poden comprar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2023 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

A presidenta da Comisión de Igualdade no Congreso dos Deputados, a socialista Carmen Calvo, asegurou que a xestación subrogada é unha "crueldade literal" e é "ilegal", aínda que se lle poña "ese nome hipócrita para tentar enganarnos e mentirnos".

Así, dixo que "se trata de mulleres pobres que alugan os seus corpos, que se desprenden dos seus fillos e outras persoas ricas que llos poden comprar". Por iso, "é unha crueldade máis das moitas que tivemos que soportar as mulleres ao longo da historia, porque hai un mercado no que se move diñeiro e porque hai desexos que alguén considera que son dereitos para atropelar os dereitos dos demais".

Manifestouno ante o monólito dedicado a Concepción Arenal no barrio ferrolán de Esteiro, cidade á que se desprazou para recibir o premio 'Galardón 8M Alvixe', de loita contra a violencia de xénero.

A representante do PSOE na Cámara baixa manifestou que pensa en "esas mulleres que sofren un parto enteiro, que sofren un embarazo enteiro e que agora de súpeto se lles din que non hai vínculo nin sentimento e que o poden vender coma se fose unha mercadoría".

Por iso, manifestou que debe "seguir sendo ilegal". "E é máis, temos que tomar medidas xurídicas para quen sendo españois fan isto fóra, despois non o poden legalizar", por "a porta de atrás". "Non o podemos asumir", sentenciou, xa que se trata da "dignidade dos dereitos humanos das mulleres que ven abocadas a alugar os seus ventres".

DEREITO E DESEXO

A Presidenta Da Comisión De Igualdade No Congreso Dos Deputados, A Socialista Carmen Calvo, Asegurou Que 'Yolanda Díaz Non Está Preto de Conseguir Ser Presidenta Do Goberno De España'
A Presidenta Da Comisión De Igualdade No Congreso Dos Deputados, A Socialista Carmen Calvo, Asegurou Que 'Yolanda Díaz Non Está Preto de Conseguir Ser Presidenta Do Goberno De España' | Fonte: Europa Press

"A pregunta é moi fácil, alguén cre que un desexo é un dereito porque llo pode comprar?, alguén pensa que as mulleres que se desprenden dos seus fillos non teñen vínculo con eles, alguén pensou que non somos seres humanos completos aínda?", remarcou.

A ex ministra sinalou que esta situación se dá porque "as elites arroian como sempre aos máis fráxiles, porque aos ventres de aluguer van ás mulleres pobres, ás mulleres que están na precariedade, as mulleres ricas cómpranllos, os homes ricos cómpranllos, pero son as mulleres pobres as que pagan (as consecuencias)", asegurou.

O PP CRITICA AO BNG DE QUERER "´RÉDITO POLÍTICO"

O PP saíu ao paso das acusacións do BNG de "vetar" a aprobación dunha declaración institucional no Parlamento sobre a xestación subrogada, unha cuestión que, para os populares, o Bloque aborda "baixo os efectos da prensa rosa" co obxectivo de conseguir "rédito político".

Nun comunicado emitido despois de que a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, denunciase este mércores en rolda de prensa que o PP non respondera á petición feita hai unha semana para acordar un texto sobre os ventres de aluguer, o grupo maioritario na Cámara autonómica respondeu aos nacioanlistas acusándoos de ser eles quen decidiron " romper a negociación".

"O seu único interese é conseguir rendemento político inmediato a unha situación que preocupa a toda a sociedade, especialmente ás mulleres, polo que debe ser abordado con moita delicadeza e precaución", apuntou o Grupo Popular nunha nota de prensa na que afirma que "non é a primeira vez" que o BNG "quere marcar os tempos nunha negociación a varias bandas no Parlamento galego".

Así pois, os populares incidiron en que existen "cuestións" como a xestación subrogada que "merecen o seu tempo". "Deben estudarse con seriedade, rigor e responsabilidade escoitando aos expertos en todas as materias implicadas", engadiu o PP, que cre que o BNG usa unha "distinta vara de medir" sobre as declaracións institucionais.

Neste sentido, censurou que pretenda tratar con "urxencia" a xestación subrogada, unha cuestión que "non xurdira neste momento nin deba ser abordada baixo os efectos da prensa rosa", cando o PP "aínda está á espera" de que o Bloque "responda" á petición para aprobar unha declaración institucional "para condenar a invasión de Ucraína" con motivo do seu primeiro aniversario. A xuízo do PP, os nacionalistas "mostran" coa súa actitude "un desprezo absoluto polas vítimas deste cruento ataque ruso á sociedade ucraína".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta