A Confraría de Noia pídelle á Xunta que pare o baleirado da mina de San Finx por "ilegal"

Di que provocará a vertedura de "centos de miles de metros cúbicos" de auga "cargada con metais pesados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2023 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

A Confraría de pesacadores de Noia insistiu en que a Xunta debe paralizar o plan para baleirar as augas da mina de San Finx --en Lousame-- ante o inicio dos traballos para instalar unha planta de achiques.

Despois de que Ecoloxistas En Acción alertase o pasado mércores do arranque dos traballos por parte da empresa australiana Pivotal Metals, a confraría noiesa remarcou este xoves que a Administración autonómica debe "dar marcha atrás" na súa autorización a esta actividade que, como remarcan, provocará a vertedura de "centos de miles de metros cúbicos" de auga "cargada con metais pesados" á ría de Muros e Noia.

Así, cualifican o baleirado da mina, que podería empezar "antes do verán", de "acción ilegal e temararia" que carrexará "un irreparable dano á biodiversidade e riqueza" da ría, así como a posta en risco "da xente do mar e dos sectores estratéxicos para a economía local".

"Trátase dunha actuación fora da lei xa que a actividade non foi sometida á avaliación de impacto ambiental e o proxecto non prevía ningún tipo de tratamento para a auga contaminada con metais pesados", engadiu a confraría, que lembra que están pendentes de resolución os recursos de alzada contra a autorización de verteduras e que, ademais, están incoadas dilixencias "contra os funcionarios e altos cargos responsables".

Traballos para baleirar de auga contaminada a mina de San Finx
Traballos para baleirar de auga contaminada a mina de San Finx | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta