Presentan en Allariz un champú sólido feito con leite de burra

Está elaborado con aceites ecolóxicos e enriquecido con leite de burra e manteiga de karité BIO, compoñentes xa clásicos dos xabóns marca Xabón D’Allariz.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 17/04/2023 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A Asociación A.N.D.R.E.A, coa colaboración do Concello de Allariz, vén de presentar un novo produto: un champú sólido elaborado con leite de burra en San Salvador dos Penedos.

Champú feito con leite de burra. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Champú feito con leite de burra. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Este novidoso champú está elaborado con aceites ecolóxicos e enriquecido con leite de burra e manteiga de karité BIO, compoñentes xa clásicos dos xabóns marca Xabón D’Allariz. O leite de burra posúe propiedades nutritivas, rexeneradoras e suavizantes para o cabelo, grazas ás vitaminas que contén e, sobre todo, polo seu alto contido en retinol natural (vitamina A), que repara as puntas abertas e o cabelo fráxil, quebradizo, deixándoo con brillo e suavidade. A Manteiga de Karité BIO achega propiedades hidratantes para o cabelo. 

O champú elabórase artesanalmente en Allariz e con fins solidarios. Os beneficios obtidos pola venda do champú e os xabóns de Xabón D'Allariz dedícanse integramente a subvencionar os Programas de Terapia asistida con animais da Asociación A.N.D.R.E.A. para persoas con discapacidade.

Na presentación estivo a alcaldesa, Cristina Cid, María López, concelleira de Promoción Económica, e Elsa Pérez da Asociación. Na súa intervención, a rexedora falou da importancia deste tipo de proxectos para manter vivo o rural.

XABÓN D' ALLARIZ

Esta marca nace froito dun proxecto non produtivo froito da colaboración entre a Asociación A.N.D.R.E.A. (Asociación para a Defensa, Recuperación e Estudo Terapéutico da Especie Asnal) e o Concello de Allariz. Este proxecto conxunto púxose en marcha no ano 2008 como unha experiencia en San Salvador dos Penedos, enmarcada dentro dun proxecto de recuperación e dinamización de superficies e poboacións rurais da Reserva da Biosfera “Área de Allariz”. Esta experiencia pioneira afectou a un núcleo de poboación deshabitado e a súa contorna, que se atopan nunha zona de especial protección dentro da Reserva.

Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz , Elsa Pérez e María López, concelleira de Promoción Económica. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz , Elsa Pérez e María López, concelleira de Promoción Económica. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

O novo produto presentado, así como outros que se comercializan, poden mercarse actualmente a través do contacto directo coa asociación Andrea e no mercado da reserva da biosfera todos os sábados pola mañá.

A asociación ofrece tamén a posibilidade de coñecer de preto a actividade do Centro de Acollida de burros abandonados e maltratados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta