Interior Galego Vivo levará ao 28-M un decálogo de medidas "urxentes" para rehabilitar o rural de Galicia

O conxunto de propostas céntrase en garantir a proximidade aos servizos básicos nas comarcas interiores e nunha nova fiscalidade rural, entre outras.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 17/04/2023 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

A plataforma Interior Galego Vivo (IGV) presentou este luns un decálogo de medidas que presentará nos concellos das provincias de Lugo e Ourense nos que forme parte de candidaturas ás eleccións municipais do 28 de maio. Segundo a plataforma, estas medidas buscan "garantir que as persoas que habitamos o interior galego non teñamos menos dereitos por vivir onde vivimos".

Acto de Interior Galego Vivo en Viana. IGV
Acto de Interior Galego Vivo en Viana. IGV

Entre as propostas recollidas neste decálogo, IGV aposta por facilitar a proximidade aos servizos básicos, "garantindo que non haxa máis de media hora de desprazamento ata estes". Tamén propón unha fiscalidade rural que "dinamice os territorios con alto grao de avellentamento, con bonificacións na Seguridade Social das pequenas empresas".

O decálogo defende que dende as administracións locais se poden impulsar políticas de apoio á produción agraria e gandeira de proximidade e dos mercados locais. Tamén que dende os concellos se debe asumir un rol protagonista a prol de compatibilizar as instalacións de enerxía renovable coa xeración de emprego e o respeto a paisaxe así como evitar macroproxectos empresariais depredadores do medio. Neste sentido, IGV propón un canon enerxético para concellos e persoas propietarias e unha xeración distribuída que afonde nun modelo descentralizado e máis sustentable.

Outras das medidas recollidas son un cambio do modelo e atención ás persoas maiores e dependentes, apostando por un aumento das horas do Servizo de Axuda no Fogar; un modelo residencial micro no medio rural e baseado nunha atención centrada na persoa; unha dotación de vivenda pública e na defensa da Sanidade pública e gratuíta, propoñendo que se extendan servizos como a Fisioterapia ou a Saúde bucodental e defendendo unha cobertura digna de pediatría no interior galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta