Así é o primeiro manual "serio" sobre a submisión química: só se denuncia entre un 10 e un 20% dos casos.

Trátase dun traballo coral coordinado por profesores da UDC e a UdeVigo que aborda este fenómeno en 11 capítulos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

Os profesores Antonio Rial, da Universidade da Coruña, e Manuel Isorna, da Universidade de Vigo, presentaron o "primeiro manual serio" para ter unha "visión global" sobre o "problemón" da submisión química.

Na sede do colexio de psicólogos de Galicia, Rial advertiu do "descoñecemento" e a "confusión" que existe sobre este asunto, en paralelo a "a dimensión" que ten e por iso a "alarma" que xera. Todos estes son algúns dos motivos polos que Rial e Isorna traballaron na coordinación desta obra coral na que varios autores abordan este fenómeno desde distintos puntos de vista, co obxectivo de dar información, entre outros, aos encargados de adoptar políticas neste ámbito.

Submisión química
Submisión química | Fonte: arquivo

ALCOL

O libro leva por título 'Submisión química e uso de sustancias psicoactivas nas agresións sexuais. Prevención, detección e intervención dun problema multidisciplinar'. Segundo sinalou Rial, a pesar das "carencias" na cuantificación, calcúlase que no 80% dos casos o alcol é a sustancia consumida, e o é "de forma compartida e consentida".

"É de entender que --por iso-- non se denuncia nin a metade nin a cuarta parte", lamentou, antes de sinalar que o consumo consentido de alcol leva á idea da "vulnerabilidade química", pero tamén á "autoculpabilización", porque non hai consumo "inconsciente".

Co ánimo de "contribuír a pór solución a un problema sociosanitario emerxente e realmente brutal", un "problema silente que están a sufrir miles de vítimas en España ano tras ano e en Galicia tamén", este profesor constatou que "aumentan as denuncias  pero "só se denuncia un 10-20% e segue quedando o 80-90% da casuística".

Por "responsabilidade coas vítimas", que, de acordo cos números que manexan estes profesores, nun 90% son mulleres.  De aí este "primeiro manual serio, rigoroso cun enfoque multidisciplinar", que busca "contribuír a dispor dun coñecemento máis serio e rigoroso" sobre esta temática.

A finalidade que perseguen é "ser capaces de achegar claves, pautas e ferramentas para que os profesionais --tamén os psicólogos-- respondan mellor a esta situación de emerxencia sociosanitaria clara". A idea é tamén que "as vítimas poidan ter unha boa acollida e denunciar", así como lograr "que se fagan as periciais oportunas" para determinar se é, por exemplo, un caso de submisión ou vulnerabilidade.

OBRA

O libro ten 11 capítulos. O primeiro abórdao desde o enfoque do dereito penal, en referencia á coñecida como lei do 'só si é si', que "non pode con todo isto". O segundo, desde a óptica do lecer nocturno. O terceiro analiza o ámbito das redes sociais deste fenómeno mundial, que empezou a examinarse por mor dun caso famoso que recolle o capítulo cuarto. O quinto capítulo penétrase nas sustancias, que han de ter "tres características: que xere amnesia, que faga efecto en poucas doses e que non sexa identificable", como as picadas. Neste punto, este profesor afirmou que a burundanga é "das sustancias que menos aparecen".

A obra aborda os "valores machistas" que concorren nestas situacións, xa que "ten que haber unha cosificación da muller", pero tamén "ten que haber un contexto" e "ten que haber a oportunidade". En sexto lugar, estuda o perfil de agresores e vítimas, e chama a atención sobre que os primeiros non teñen por que ser descoñecidos para os segundos. Tamén avisa de "o difícil que é para o persoal de urxencias detectar o que está a pasar".

Un sétimo capítulo escríbeno dous gardas civís "que expoñen como recoller as mostras ou evidencias de que esta vítima sufriu submisión química". No oitavo, un catedrático de medicinalegal examina sentenzas de violacións grupais e o peso que nelas teñen factores como a pornografía. No noveno, dous médicos de urxencias explican como abordan estes casos e no décimo analízase o papel do laboratorio. O último capítulo, o 11, é no que un forense expón como traballar coa vítima en relación a cuestións como "o perigo de revictimizar ás persoas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta