A conselleira Ángeles Vázquez asegura que o proxecto de lei estatal de vivenda "ampara as ocupacións"

A Xunta critica o uso "electoralista" da Sareb por parte do Executivo estatal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, criticou a o proxecto de Lei estatal de vivenda por estar "carente de memoria económica" e por non contar, segundo dixo, "coas comunidades autónomas". Neste sentido, Ángeles Vázquez esixiu a convocatoria dunha conferencia sectorial, xa que "canto máis" analiza a lei "máis" lle "preocupa". Ao seu xuízo, "o que hai que facer é ser proactivos como está a facer a Xunta, e quen ten un fogar que poida melloralo,quen non o ten axudar a que o teña". 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia no Parlamento galego. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia no Parlamento galego. XUNTA

En canto á memoria económica, subliñou que "non se pode axudar á xente a construír fogares e ter acceso a un fogar se non hai economía polo medio". "Por tanto, agora mesmo o Goberno central fai un pacto con Esquerra e con Bildu, saca unha lei para adiante sen memoria económica, que invade as competencias das comunidades", censurou.

Nesta liña, augurou tamén que "vai supoñer sen dúbida un freo para que os promotores sigan construíndo, tendo en conta que ampara algo que se debe frear", en alusión ás ocupacións. Cunha modificación do código de axuízamento civil, afirmou que esta lei "ampara as ocupacións". Por todo iso, cre "moi urxente" celebrar esa conferencia sectorial "para explicar e que o Goberno dea a cara".

"ANUNCIOS ELECTORALISTAS" COA SAREB

Vázquez acusou o Goberno de facer "anuncios electoralistas" sobre vivendas da Sareb (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria). "O que si hai son anuncios electoralistas como que van mobilizar miles de vivendas da Sareb, cando en realidade o que estamos a facer as comunidades é comprar vivendas á Sareb", dixo. Vázquez sostivo que a Xunta "comprou recentemente 40", pero isto "supuxo pagar 3,4 millóns de euros". "Non nos regalan absolutamente nada", advertiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta