Os efectos dunha semana folga de médicos: 1.223 cirurxías, 1.974 probas e 23.723 consultas anuladas

O Sergas cifra no 11,69% o seguimento do paro este martes.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 18/04/2023 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A folga de facultativos convocada en Galicia pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en solitario cumpriu este martes unha semana desde o seu inicio o 11 de abril.

Ao longo dos sete primeiros días que se mantivo en vigor o paro, anuláronse un total de 1.223 intervencións cirúrxicas, 1.974 probas e 23.723 consultas externas, de acordo cos datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) actualizados á tarde do luns.

Ademais, sempre segundo cifras da Administración, o dato de participación situouse na mañá deste martes para o global de Galicia no 11,69%, o máis baixo nesta quenda desde o arranque da folga. Por áreas sanitarias, como é habitual, a de Vigo é a que máis secunda este paro, co 18,12% dos médicos secundándoo, seguida da de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, co 13,94%, e da de Lugo-A Mariña-Monforte, co 13,21%.

En canto ao resto, a participación situouse no 10,09% na de Santiago-Barbanza, no 8,77% na de Pontevedra-O Salnés, no 7,58% na Coruña-Cee e no 6,94% na de Ferrol. Así mesmo, o Sergas destaca que responde "adecuadamente a todas as urxencias" e reitera a súa aposta polo diálogo para pactar "as mellores condicións laborais para todos os profesionais".

Precisamente, a CESM e a Administración reuniranse este mércores pola tarde no comité de folga para tratar de pór fin ao conflito. Será o primeiro encontro desde o arranque deste paro e o sindicato xa apuntaba o luns a posibilidade de desconvocalo temporalmente.

Varias persoas protestan durante unha folga de médicos galegos, no Hospital Álvaro Cunqueiro
Varias persoas protestan durante unha folga de médicos galegos, no Hospital Álvaro Cunqueiro | Fonte: Javier Vázquez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta