Percebeiros e bateeiros, un conflito con acusacións de presións sobre a Consellería de Mar

As manifestacións de bateeiros e percebeiros son mostra da falta de compromiso das autoridades para resolver o conflito entre os dous sectores. Así o ven persoas implicadas na extracción de percebe e na recollida de mexilla. Os percebeiros denuncian danos nas áreas de recollida logo de que os mexilloeiros collan cría para as bateas. A concreción de zonas para uns e outros non acabou por frear a conflitividade entre as dúas partes. Mentres, a Consellería de Mar di estar preparando unha normativa que resolva a situación.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 23 de marzo un grupo de mexilloeiros presentáronse diante da sede administrativa da Xunta, San Caetado, pedindo recuperar a xestión da cría do mexillón (mexilla), ademais de reverter o artigo 13 do decreto 153/2019 polo que se delimitaban zonas para a recollida do bivalvo. Con posterioridade, o 13 de abril, os percebeiros tamén se manifestaban diante de San Caetano acabando en cargas policiais e con persoas detidas.

Arquivo - Percebeiro
Arquivo - Percebeiro | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A tensión entre os dous sectores, ambos os dous baixo a competencia da Consellería do Mar, viña de vello. Porén, durante os últimos anos foi crecendo en intensidade até o punto de crearse un decreto para delimitar zonas de extracción de mexilla. A medida non foi ben acollida polo sector, así que en febreiro de 2023, a Consellería de Mar decide ampliar 120 km para recoller o produto. Con todo, non foi suficiente e reclaman abrir todas as zonas posibles. Mentres, os traballadores do percebe denuncian a falta de responsabilidade por parte dos extractores de mexillón por deixaren as pedras case inservibles para a reprodución e agrarre do percebe. Alén diso, tamén denuncian a entrada de mexilleiros en áreas vedadas para eles.

ÁNIMOS TENSOS

O 14 de abril os percebeiros manifestáronse diante da sede administrativa da Xunta para reclamaren o respecto ás áreas vedadas e maior control por parte das autoridades. As confrarías de pescadores pedían á administración galega manter unha postura “firme” para preservar os “santuarios do percebe”. Días antes, a Organización de Produtores do Mexillón de Galicia (Opmega), a cooperativa Amegrove e a Sociedade cooperativa Mexilloneiros de Galicia (Socomga) abandonaban a mesa de negociacións coa Consellería do Mar despois do peche de zonas para extraer a cría de mexillón que estiveron abertas en febreiro e marzo pechen en abril.

Ambos os dous sectores consideran que a Consellería está favorecendo a un fronte ao outro, mentes a postura do departamento de Rosa Quintana asegura estar traballando nunha solución onde estaría incluído un plan de xestión. “A industria da batea é máis potente que a de recollida de percebe e se protestamos é porque a Consellería de Mar un día está dunha parte e para o outro doutra”, sinala o percebeiro Jose Caravel.

Pola súa parte, o 17 de marzo, na web www.mexillondegalicia.org dependente da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, sinalaba nun comunicado que a súa sorpresa ante “decisións que impiden aos bateeiros acceder aos bancos do litoral onde sempre se permitiu recoller mexilla”, alertando tamén dunha “tormenta perfecta que vai crecendo por momentos”.

O ESTADO ACTUAL

O pasado 26 de abril a conselleira de Mar, Rosa Quintana, anunciaba no Parlamento de Galicia a creación “dunha nova norma para optimizar a extracción da mexilla cun plan de xestión como ferramenta fundamental”. O razoamento seguido por Quintana e o seu departamento “é dar resposta aos cambios rexistrados na actividade nos últimos anos e atender os do futuro inmediato adecuando os tempos de recollida da cría ao seu estado de localización”.

O temor dos percebeiros é que Mar abra máis zonas para os mexilloeiros como denuncian que se está facendo xa. “Nós estamos abertos a negociar mais non queremos esa prepotencia que levou aos incidentes hai dous anos en Muxía” sinala Clavel. Os enfrontamentos radican sobre todo en que se respecten tanto zonas como épocas do ano para a extracción de cada especie. “O caso é que (os mexilloeiros) presionaron para darlles un mes máis de recollida até maio”.

Ese mes a maiores influirá na calidade e na reprodutividade do percebe segundo os percebeiros. Ambas as dúas recollidas (percebe e mexilla) fanse con raspetas. Se a pedra queda moi danada despois da recollida da mexilla, o percebe non prende nas pedras ao final da súa fase larvaria. A sobre explotación e a falta de límites para extraer cría de bivalvos é o que está dando medo ao sector percebeiro.

O sector percebeiro tamén denuncia actividades como “teñen permiso para un (mexilleiro) mais ese permiso úsano outros que veñen despois sen sacaren o permiso”. Denuncian ademais que non hai control sobre o número de kilos de mexilla extraída, pois denuncian a chegada de “remolques” onde é cargada a mercadoría. Dita mercadoría, segundo apuntan desde o sector percebeiro, vai destinada á venda aos bateeiros, co que estarían falando de “intermediarios” que fan o traballo “duro” de extracción e, se cadra, de enfrontamento cos percebeiros.

A Consellería de Mar fixo un chamado ao sector do mexilloeiro para que participe no deseño do plan proposto por este departamento, pois “require da participación aberta e activa dos produtores de mexillón entendendo que é a mellor fórmia para avanzar na cogobernanza na explitación deste recurso”. Mentres, a industria do mexillón fala de falta de seriedade cos peches e aperturas de áreas de extracción.

Unha das partes non quere sentar polo de agora, a outra acusa á primeira de prepotencia e facer lobbying sobre a Consellería de Mar. E esta última parece ter moito interese en que o sector do mexillón volva ás negociacións.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta