Por Galicia Confidencial | Verín | 30/04/2023 | Actualizada ás 21:00
O martes 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios. Este ano, a Praza García Barbón acollerá tamén a súa Feira Solidaria de Verín que contará coa participación de entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.
Segundo explicou Somoza, "nesta edición desfrutaremos da creatividade e do traballo en equipo dos dez centros de ensino e asociacións participantes". Desde as 11:00 horas, e até as 20:00 horas, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polos seguintes centros de ensino e asociacións: CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, que presentará ademais do maio do centro un maio infantil; CRA Monterrei, con maio do centro e maio infantil; Colexio Plurilingüe María Inmaculada; IES Xesús Taboada Chivite; Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei, que participa por primeira vez; Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, Asociación Verinense de Amigos da Música, AMPA do Conservatorio de Música de Verín e Centro de Día Solleira.
Ás 12:30 horas sairá da Praza do Concello a Banda de Gaitas do Concello de Verín. O pasarrúas rematará na Alameda ás 13:00 horas, dando paso ao concerto do Conservatorio Profesional de Música de Verín.
Desde as 11:00 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse ao financiamento de programas de investigación para a prevención e a cura do cancro, promovidos pola Asociación Española Contra o Cancro.
APARTADO DE COPLAS
Está previsto que colaboren na edición das coplas que editará o Concello de Verín dez centros de ensino ou asociacións: CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, CRA Monterrei, Colexio Apostólico Mercedario, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, IES Xesús Taboada Chivite, Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei (que participa por primeira vez), Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, Asociación Verinense de Amigos da Música e AMPA do Conservatorio de Música de Verín.
"Desde o Concello queremos agradecer a participación dos dez centros educativos e asociacións que colaborarán este ano na edición das coplas editadas polo Concello de Verín. Estou segura que, como sempre, o seu traballo e a súa creatividade farán desta festa un rotundo éxito", destacou Somoza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.